DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula para os obradoiros do segundo cuadrimestre permanecerá aberta ata o día 24

O segundo cuadrimestre chega cargado de alternativas de lecer

Cun especial énfase no eido creativo e nas novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 15/02/2012
O bo tempo convida a realizar novas actividades e a buscar novas alternativas para empregar o tempo de lecer. Por isto, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria deseña un amplo programa de obradoiros que botarán a andar co comezo da primavera. En concreto ofértanse 12 talleres que cobren un amplo abano de contidos e de horarios e que fan especial fincapé nas actividades artísticas e creativas, por unha banda, e nas novas tecnoloxías, por outra.

Unha das novidades desta programación é “a recuperación do obradoiro de poesía, que será impartido polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e escritor, Anxo Angueira”, segundo explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais da Universidade.

Outro dos cambios refírese ao curso de iniciación á curtametraxe que, desta volta, fará especial fincapé no eido do documental. “Tratarase de amosar aos matriculados o xeito de realizar unha curta documental, pensando na súa participación posterior en concursos e certames”, apunta Caride. A idea é que estas pezas documentais sirvan tamén para amosar o campus, as súas instalación, algún proxecto científico ou mesmo a riqueza natural da contorna.

Arte e creatividade

Dos 12 obradoiros previstos para este segundo cuadrimestre, boa parte deles céntranse en actividades artísticas e creativas. Ademais do de poesía, ofértanse tres obradoiros de guitarra, segundo o nivel e o horario, así como un curso de danzas do mundo, o xa clásico de posta en escena dunha obra teatral, no que se prepara unha peza para presentar na Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario. Tamén está programado un curso de voluntariado, participación e cooperación internacional e outro de relaxación e sentidos, especificamente centrado no tacto.

Novas tecnoloxías

A oferta de obradoiros complétase cos dedicados ás novas tecnoloxías. Ademais da iniciación á curtametraxe, impartiranse cursos de introdución ao software libre e GNU/Linux; de modelado 3D e contornas virtuais, blender e sketchup e completa a programación a iniciación á fotografía dixital.

O prazo de matrícula xa está aberto e pecharase o 24 de febreiro. O prezo dos cursos varía entre 20, 30 e 40 euros, segundo se trate de público en xeral, comunidade universitaria ou bolseiros da Universidade. Toda a documentación precisa para formalizar a matrícula atópase na web de Extensión Universitaria.