DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade ofrece un total de 77 programas de formación de posgrao

O segundo prazo de preinscrición para os mestrados estará aberto ata o 5 de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Jessica Fdez. DUVI 01/09/2011
Ata o vindeiro luns 5 de setembro permanecerá aberto o segundo prazo de preinscrición naqueles mestrados nos que quedan prazas vacantes tras o período de matrícula do mes de xuño. Neste curso, a Universidade de Vigo oferta un total de 77 programas de posgrao, 7 deles de nova implantación, distribuídos nos tres campus e conformando unha oferta global multidisciplinar que satisfai as necesidades específicas de cada ámbito de estudo. Entre estes 77 mestrados dáse resposta tamén ás demandas de formación profesionalizante e tamén investigadora para acadar o título de doutor posteriormente.

Novidades para o curso 2011-2012

Neste curso que está a piques de comezar estréanse un total de 7 mestrados, completando a oferta existente e tocando todos os ámbitos de coñecemento: Bioloxía mariña, Dirección pública e liderado institucional, Xestión empresarial do deporte, Dirección e Planificación do turismo interior e de saúde, Dirección de PEMES, Lingua e comunicación nos negocios e Ciencia e tecnoloxía en termalismo e balneoterapia.

Tipos de matrícula

Co fin de facilitar o acceso do estudantado aos mestrados e adaptarse ás súas necesidades, ofrécense dúas posibilidades de matrícula: a tempo completo e a tempo parcial, tal e como marca a normativa fixada pola Universidade. Aqueles que optan pola primeira opción terán que matricularse nun total de 60 créditos, mentres que se o título permite elixir a segunda opción, o alumnado poderá matricularse nun mínimo de 15 créditos por curso académico.

O período de preinscrición estará aberto ata o día 5 de setembro, publicándose a lista provisional de admitidos o día 12, e existindo un prazo para reclamacións ata o día 15. A listaxe definitiva de admitidos farase oficial o 19 deste mes, abríndose a partir do día seguinte o prazo de confirmación de matrícula. As clases comezarán o día 13, e os mestrados que o consideren oportuno poderá solicitar un período de matrícula extraordinario.