DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 'Concurso Galego de Iniciativas Universitarias. Por unha Mobilidade Segura'

A seguridade do tráfico tamén ten premio

Un estudante de Dereito do campus de Ourense acada o segundo galardón no certame

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/02/2011
Os estudantes universitarios teñen moito que achegar á prevencións dos accidentes de tráfico. Xuntan coñecementos académicos e o feito de pertencer a un colectivo especialmente implicado no éxito ou fracaso desta prevención. Co obxectivo de potenciar ideas para acadar unha mobilidade máis segura, a Delegación do Goberno en Galicia vén de entregar os galardóns do V Concurso Galego de Iniciativas Universitarias. Entre os traballos premiados están as propostas dun estudante da Facultade de Dereito do campus de Ourense, Norberto Aser González.

Este martes entregáronse na Coruña os galardóns do concurso, organizado polas catro Xefaturas Provinciais de Tráfico de Galicia e Stop Accidentes, en colaboración coas tres universidades galegas; a Xunta de Galicia, Audasa e o Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia. No acto de entrega, no que estivo presente a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, cualificou de esperanzadora a crecente implicación da sociedade, e sobre todo dos máis novos, nas campañas de prevención de accidentes de tráfico, mostra de que “algo está cambiando entre os mozos galegos”.

Dentro destas accións de prevención, este concurso fixo unha chamada aos universitarios galegos para que presentasen traballos ou proxectos de investigación sobre temas de seguridade viaria que puideran ser levados á práctica. O seu primeiro premio recaeu nun estudante da Universidade da Coruña, mentres que o segundo foi para Melloras sobre a Vía, Vehículo e Factor Humano para Reducir a Sinistralidade Viaria, de Norberto Aser González, estudante da Universidade de Vigo. Segundo explica o alumnos da Facultade de Dereito, o seu traballo consistiu en analizar “o comportamento dos condutores da provincia de Ourense entre 2003 e 2009, atendendo a factores como o uso do cinto de seguridade e do móbil e a velocidade e o alcohol ao volante”. Despois do estudo destes datos, proporcionados pola Garda Civil de Tráfico de Ourense, o autor propón unha serie de solucións que na súa opinión poderían contribuír a facer a condución máis segura.

Sensibilización, vehículo e sinalización

En primeiro lugar propón iniciativas de educación e concienciación, que “comezarían na Educación Primaria, iniciando aos rapaces e rapazas no tema da seguridade viaria, seguirían na Educación Secundaria, formando aos futuros condutores, e continuarían nos estudos superiores concienciando aos universitarios sobre as consecuencias das accións imprudentes”.

No seu estudo González, premiado con 750 euros e un portátil, tamén propón medidas concretas a aplicar nos vehículos, como é eliminar da súa actual ubicación o freo de man entre os dous asentos dianteiros, que permitiría na súa opinión “reducir moito as consecuencias dun impacto fronto-lateral, un dos máis comúns”. Tamén sinala a importancia de modificar a sinalización nas vías, “innovando no seu deseño e dotándoas dun maior efecto atraínte para o condutor, como nos carteis publicitarios”, e a necesidade de mellorar os elementos de protección nas estradas.

Para facer estas propostas, este estudante de Dereito explica que botou man da súa formación previa no ámbito da psicoloxía, dos seus actuais estudos e sobre todo do seu interese por este ámbito. Como coñecedor do comportamento dos condutores e das leis, González salienta que aínda é moi cedo para valorar a incidencia da última reforma das normas de tráfico pero apunta a que á vista da evolución dos datos de 2003 a 2009 en Ourense si se aprecia un descenso significativo das infraccións vinculadas ao alcohol ao volante e un descenso significativo, aínda que menor, no caso das infraccións vinculadas á velocidade, ao uso do móbil e ao cinto de seguridade.