DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XVI edición da colectiva “Volilà la femme” conmemora o Día Internacional da Muller

Seis creadoras noveis de Belas Artes reflexionan sobre as desigualdades de xénero

A mostra inaugúrase hoxe no Ateneo Santa Cecilia de Marín e permanecerá aberta ata o 19 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 08/03/2010

O traballo creativo das mulleres estivo tradicionalmente relegado ao ámbito do cotiá, xa que as expresións dirixidas ao público estaban reservadas ao terreo masculino. Coa vocación de cambiar esa condición e revelar o posicionamento e pensamento das mulleres ante ela, así como de conmemorar o Día Internacional da Muller, naceu a principios dos 90 en Marín a mostra colectiva Voilà la femme, unha iniciativa dun grupo de profesores da Facultade de Belas Artes de Pontevedra acabada de estrear naquel momento. Vinte anos despois o proxecto permanece vixente e reúne en cada convocatoria un grupo de mulleres artistas, que teñen tamén en común a reflexión sobre as desigualdades de xénero a través das súas obras. A inauguración da súa XVI edición, na que está representado o traballo de seis creadoras noveis da Facultade de Belas Artes, será hoxe ás 20.00 horas no Ateneo de Santa Cecilia. Comisariada pola artista, investigadora e profesora Celeste Garrido, permanecerá aberta ata o 19 de marzo.

Reflexión sobre o binomio arte-muller

Foi no ano 1992 cando o artista marinense Antón Sobral e o crítico de arte e profesor da Facultade de Belas Artes Antón Castro puxeron a andar esta exposición, para atender a necesidade de reflexión sobre as relacións existentes entre o binomio arte-muller. A mostra toma como sinal de identidade o título dunha obra de Francis Picabia, unha escolla de Yolanda Herranz, artista e catedrática de Escultura da Universidade de Vigo, que participou naquela primeira montaxe. Buscaron deste xeito facer visible o traballo das mulleres artistas, en particular daquelas creadoras que reflicten a realidade nesgada polo xénero e articulan as súas obras a prol da igualdade de dereitos.
“Daquela as circunstancias facían que a maioría das exposicións estivesen integradas por homes, aínda que non fose algo directamente planificado”, sinala Celeste Garrido, comisaria actual da exposición, que valora o risco daquela aposta por facer mostras intencionadamente de mulleres. “Estas reivindicacións comezaban a facerse nos Estados Unidos, pero aquí foi unha iniciativa pioneira e innovadora”, sinala ao respecto, destacando a achega de Yolanda Herranz, “moi compremetida desde sempre cos estudos de xénero e impulsora da cátedra feminista na facultade”. Garrido subliña tamén a importancia de que o proxecto permaneza vixente logo de vinte anos, contrapoñéndoo a outras iniciativas semellantes que tiveron unha vida máis curta, polo que pensa que é un referente nese sentido.

Un espazo digno para artistas noveis

Precisamente foi Yolanda Herranz quen se encargou da busca e da escolla das artistas das primeiras edicións de Voilà la femme, naquel momento entre os nomes máis consagrados. “Cando pasei a encargarme eu da exposición abordeina como unha oportunidade para as creadoras noveis, centrándome en alumnas de 4º e 5º de Belas Artes”, explica Celeste Garrido. A profesora cre que existen poucos espazos nos que as mulleres artistas e noveis poidan participar de xeito digno e por iso decidiu aproveitar a ocasión para proporcionarlles unha alternativa.
Na presente edición seleccionou pezas de seis mozas –Lucía García Rey, Sofía Grandío Barrio, Elsa Lis Fernández, Gema López González, Loli Regueira Campos e Rebeca Senín Fontenla–, que traballan sobre tres aspectos: a violencia de xénero, o espazo cotiá e o corpo. “Buscouse que houbese un diálogo coherente entre o traballo das persoas seleccionadas”, explica a comisaria. Deste xeito, entre as temáticas das pezas pódense atopar mulleres maltratadas, adolescentes que non recoñecen o seu corpo en proceso de cambio ou representacións daqueles espazos domésticos tradicionalmente identificados coa muller e que recluían a súa capacidade creativa.
A marca da exposición é, segundo Garrido, “a diversidade”, xa que inclúe unhas vinte pezas de diferentes disciplinas e elaboradas con técnicas variadas, que van desde a fotografía a cor e en B/N, o vídeo, a pintura ou a colaxe. “A pesar de que están feitos con poucos recursos, son traballos dignos e de calidade, que amosan as grandes posibilidades que teñen estas artistas, que de seguro van acadar unha gran proxección”, subliña a comisaria e insiste: “as pezas están feitas nunha escala humilde, pero teñen moita forza”.
Todas son artistas que están comezando, que aínda non tiveron moitas oportunidades para exhibir o seu traballo, polo que Volilà la femme funciona como un trampolín ou un punto de partida para elas. Celeste Garrido asegura que para as participantes das anteriores edicións a mostra funcionou como unha plataforma de lanzamento, que lles permitiu iniciar a súa carreira expositiva. Para conseguir isto e unha mellor calidade da mostra, sinala que lle interesa máis incluír “moita obra de pouca xente”, polo que os dossieres descartados este ano poden reservarse para vindeiras edicións. Pensa tamén que o proxecto ten unha perspectiva pedagóxica e didáctica, pois achégalles ás alumnas unha primeira experiencia en torno á montaxe e todo o que rodea unha inauguración.