DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade de Vigo e Instituto de Estudos Miñoranos asinan tres convenios de colaboración

Seis millóns de topónimos a só un click de distancia

Crearase unha topopedia e unha web sobre microtoponimia e talasonimia para a que o IEM doará materia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 25/03/2011

Coñecer os topónimos galegos será tan sinxelo como navegar pola rede. A Universidade de Vigo está ultimando unha páxina web sobre microtoponimia e talasonimia que porá en marcha en breve xunto cunha topopedia que pretende aglutinar máis de seis millóns de termos e servir de buscador para os expertos de incluso grupos toponímicos por sufixos. Un arduo traballo para o que aínda non hai data concreta, un salto á rede no que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) de Gondomar colaborará cedendo todo o material recollido nos últimos anos a cambio do asesoramento dos investigadores da Universidade viguesa. Para poder levalo a cabo, ambas entidades asinaron este venres tres convenios de colaboración, un marco e dous específicos sobre temas de microtoponimia e sobre arqueoloxía e historia antiga. "A Universidade de Vigo ten vocación de mergullarse na sociedade e devolverlle todo o que recibe dela e o mellor xeito de facelo é convivir coas institucións sociais que nos rodean. Nós podemos ofrecer coñecemento, pero necesitamos a axuda do IEM para ter máis forza e proxección", asegurou o reitor Salustiano Mato trala sinatura.

Con este convenio, o IEM traballará na recollida exhaustiva de materiais para enriquecer e completar a web desenvolvida pola vicerreitoría de Extensión Universitaria, pero tamén para vencellar o Campus do Mar ao eido cultural, xa que con el "ábrese un amplo abano para o estudo de todo o referido á talasonimia, embarcacións tradicionais... campos nos que o instituto está moi metido dende hai 11 anos", explicou Carlos Méixome, o seu director. Un Campus de Excelencia que convertirá á Universidade no referente mundial do mar "non só no relacionado coa pesca ou a acuicultura, senón tamén sobre como crear pontes de coñecemento cara ao futuro para desenvolver unha contorna duradeira, unha transformación da relación que sempre tivo o pobo galego co mar", subliñou Mato. Unha das primeiras cesións do IEM será a información recollida nunha publicación de Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro da xunta de goberno da entidade do Val Miñor, un libro sobre a toponimia de Saiáns que verá a luz en breve.

Pasar o verán excavando

Outro dos convenios asinados levará ás dúas entidades a colaborar en temas de arqueoloxía, etnografía e historia antiga que compromete á Universidade a prestar a asistencia técnica necesaria para as prospeccións arqueolóxicas que o IEM está a levar a cabo en xacementos paleolíticos da bacía media do Miño. Mentres o instituto miñorano prestará asesoramento nas excavacións do xacemento neolítico do Monte das Pedreiras e no asentamento calcolítico do Monte das Cabanas, aínda que sempre baixo a dirección de especialistas da universidade viguesa.

Un dos primeiros proxectos que fructificará a través deste convenio específico será a realización de cursos de verán máis ou menos extensos para que alumnado ou titulados da Universidade de Vigo participen nalgunha das excavacións programadas en Portomaior ou na Finca do Cabrón, xa abertas polo Instituto de Estudos Miñoranos.

Colaboración estratéxica

A sinatura destes tres convenios de colaboración supón unha acción estratéxica para ambas entidades. Para a Universidade de Vigo, o IEM é "o vehículo perfecto, magnífico e eficiente para poder achegarnos aos cidadáns e explicarlles o que facemos, para que servimos", aclarou o reitor. Para a institución de Gondomar supón un recoñecemento á labor que leva desenvolvendo dende hai xa 11 anos. "Que a principal institución investigadora e docente do sur de Galicia asine un convenio cunha entidade de estudos locais que aínda que traballa nos mesmos campos está a niveis institucionais distintos ábremos moitas portas", resaltou Méixome.