DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos días para visitar a exposición ‘Soy tan loser que ni los feos me quieren’ na Sala X

Seis miradas diferentes plasman a vida e a morte nunha única obra

Trátase dun debuxo de grandes dimensións realizado por artistas da Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 12/07/2011

Son dúas constantes na historia da arte, pero cada vez contadas desde ópticas diferentes. A vida e a morte fanse presentes na exposición Soy tan loser que ni los feos me quieren, aberta ata o 15 de xullo na Sala X. Seis artistas novas que teñen en común a súa formación universitaria na Facultade de Belas Artes e a súa paixón polo debuxo, foron quen de renunciar ao seu individualismo “para crear unha obra colectiva sen igual feita conxuntamente a seis mans, un proxecto artístico irrepetible pero efémero”, explica o profesor Nono Bandera, comisario da mostra.

Sae Aparicio, Natalia Blanco, Inés Casarejos, Tamara Feijoo, Elena Fernández e Sara García foron quen de plasmar nun gran debuxo de 9 metros de longo por 2,40 metros de ancho as súas inspiracións artísticas, “onde o resultado non é unha unión de imaxes tras repartirse un recuncho de parede, senón que foi un proxecto feito con corazón, con intelixencia, con xenerosidade, no que as individualidades se pregaron para que o resultado final fose un debuxo fresco, directo e cargado de emoción”. A pesar da distancia xeográfica que separaba ás artistas, internet foi a ferramenta que as mantivo unidas mediante o emprego do cadáver exquisito, unha técnica de creación colectiva surrealista na que a imaxe vai sendo transformada en cadea por distintas mans, “proceso no que se van incorporando novas ideas, distintas caligrafías e diferentes estilos, pero todo moi ben harmonizado”.

A pesar do carácter perecedoiro da obra, “pois naceu para un espazo concreto”, as seis artistas e Nono Bandera idearon a peza de tal xeito que unha vez desmontada “se poidan conservar pequenas pezas, como aconteceu co Muro de Berlín”. Así mesmo realizaron un vídeo de oito minutos baixo a técnica do stop motion “que recolle o proceso de elaboración, de produción e de montaxe da peza, e que amosa o intenso traballo de máis dunha semana”.

Un bosque “sinistro”

O resultado da inspiración é un bosque no que todo semella familiar e próximo, coa representación dunha merenda campestre, pero que ten unha lectura sinistra coa representación dunha mantis relixiosa, “fálica, fascinante, devoradora e sobredimensionada”, que achega esa intranquilidade. Téntase plasmar “unha paisaxe na que suceden cousas, que recolla as vivencias persoais, o mundo coas súas alegrías e tristezas, cos seus momentos bos e malos, igual que pasa nas carreiras artísticas”.

Nesta mostra obsérvase que para as seis artistas o debuxo é un proxecto en si mesmo, un medio de experimentación e de comunicación, “superando as ensinanzas de antes, nas que inculcaban que o debuxo era simplemente unha ferramenta de aprendizaxe”, aclara Bandera. O título da exposición, Soy tan loser que ni los feos me quieren, xoga coa mestura da ironía e do humor, “dando a entender que somos tan perdedores que ninguén se quere achegar a nós”, cuestión que contrasta, engade, “co currículo enorme das seis artistas, que a pesar da súa xuventude, moitas delas xa teñen exposto en feiras e circuítos internacionais de prestixio”.

O certo é que o tamaño do debuxo está a chamar moito a atención da cidadanía, “e sobre todo dos máis pequenos que o observan pola ventá e se animan a entrar para contemplar de preto a calidade da obra”.