DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Seis proxectos para fomentar o coñecemento dos estudos de xénero na sociedade dixital

Intelixencia artificial, redes sociais ou prexuízos á hora de elixir carreira, entre a temáticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/10/2020

A presenza das mozas nas enxeñarías, os machismos e os imaxinarios de xénero na rede, as vocacións matemáticas entre as alumnas ou a intelixencia artificial e o xénero. Estas son algunhas das temáticas dos proxectos seleccionados na convocatoria de axudas de investigación da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. En total son seis propostas que reciben unha achega de entre 6000€ e 3500€ para  fomentar o coñecemento no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos de xénero.

O proxecto mellor valorado e que recibe a contía máxima posible da axuda está coordinado pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Mari Lires e versa sobre as percepcións do alumnado de Bacharelato sobre as enxeñarías. Trátase de analizar porque segue a darse esa fenda que separa ás mozas das titulacións técnicas que provoca que, na Universidade de Vigo as mulleres representen só o 23% do alumnado dos graos de enxeñaría. A finalidade é, por unha banda, examinar os datos da presenza das mulleres nas diversas titulacións de enxeñaría do Sistema Universitario de Galicia [SUG], nas universidades españolas e máis nas profesións correspondentes. Pola outra banda, tamén se explorarán as percepcións de alumnas e de alumnos de 2º curso do Bacharelato científico tecnolóxico de Galicia sobre as súas aspiracións e expectativas, a súa visión no referente ás enxeñarías e as dificultades das mulleres no acceso, permanencia e promoción nestes estudos, así como na posterior actividade profesional e as causas da situación.

Outro dos proxectos tamén aposta por analizar a perspectiva de xénero á hora de escoller os estudos, en concreto a proposta de Marta Pérez, docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, centrarase nas vocacións matemáticas na última etapa da educación primaria. Con esta iniciativa pretenden realizar unha análise da ensinanza das matemáticas a 400 escolares de colexios dos concellos de Vigo e Pontevedra en relación co fomento de vocacións matemáticas poñendo un énfase especial nas nenas de terceiro ciclo de Educación Primaria.

Micros e macromachismos nas redes sociais

Outro dos proxectos que se desenvolverán ao longo deste curso ao abeiro da cátedra está dirixido polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Luis Xabier Martínez Rolán e centrarase en analizar a presenza das mulleres pontevedresas na rede, estudando as situacións de micromachismo e os discursos de odio en Twitter. Partirá dunha “escolma de mulleres cunha presenza activa nas redes”, da que formen parte deportistas, artistas, políticas ou científicas, e entre as que figure unha “porcentaxe grande” de mulleres pontevedresas. O proxecto, remarca Rolán, centrarase en analizar “patróns de conduta” nas mensaxes que os usuarios e usuarias da rede dirixan ás seleccionadas que poidan corresponderse cos diferentes niveis do “discurso do odio” que presenta a chamada “pirámide do odio”. A investigación verase complementada pola elaboración dunha web e un podcast.

Outra das propostas que se centra nas redes sociais é a que coordina Rut Martínez, docente do Departamento de Didácticas Especiais. En concreto centrarase en Instagram para avaliar os imaxinarios de xénero na mocidade, facendo un estudo comparativo entre os espazos virtuais dos campus galegos.

A perspectiva de xénero na intelixencia artificial e na microaprendizaxe corporativa 

A listaxe de proxectos seleccionados nesta convocatoria de axudas inclúe tamén o estudo proposto por Patricia Valcárcel, profesora da Facultade de Ciencia Xurídicas e do Traballo, sobre intelixencia artificial e xénero. Baséase en avaliar as bases éticas e problemas de nesgo de xénero na elaboración de algoritmos para políticas públicas e procedemento administrativos. Neste proxecto están implicados investigadores das áreas de Dereito Administrativo, Dereito Constitucional e Filosofía do Dereito co obxectivo de afondar, por unha parte, “nos dilemas éticos na aplicación da intelixencia artificial, para seguidamente analizar a problemática dende a perspectiva de xénero que pode derivarse da utilización dos algoritmos para a adopción de decisións ou realización de tarefas nas políticas públicas ou nos procesos administrativos”, explica Valcárcel. A finalidade última é “establecer unhas pautas xurídicas para a elaboración de algoritmos neutrais dende el punto de vista do xénero”. Para a realización deste proxecto, o persoal implicado está a levar a cabo unha compilación de documentos oficiais e normativas vixentes ao respecto, así como unha revisión de investigacións previas. Actualmente están a realizar entrevistas e foros de debate con académicos, xuristas e profesionais expertos nestes eidos co obxectivo de coñecer experiencias prácticas.

A lista de proxectos seleccionados complétase coa proposta sobre microaprendizaxe feminista corporativa presentada pola profesora da EE de Telecomunicación Soledad Torres. A idea é realizar unha investigación co fin de seleccionar contidos formativos de xénero e igualdade destinados a empresas, e desenvolvelos posteriormente mediante a ferramenta didáctica da microaprendizaxe. Segundo explica a docente, “as novas estratexias de formación virtual e o actual contexto de pandemia fainos reflexionar sobre a necesidade de seleccionar contidos de xénero e igualdade dende un enfoque feminista rigoroso”. Par iso, engade, no proxecto “reflexionaremos sobre as necesidades e carencias da aprendizaxe corporativa, definindo o concepto de microaprendizaxe e as características dos micro-contidos e discutindo que pode achegar este paradigma á formación sobre xénero e igualdade nas empresas”. Posteriormente tamén se tratará de delimitar que contidos de xénero e igualdade poden adaptarse a este paradigma de aprendizaxe e, unha vez seleccionados, implementaranse nunha plataforma de desenvolvemento de micro-cursos creada nun proxecto anterior con ferramentas software gratuítas.