DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo dx5 promoveu un seminario sobre arte múltiple e instalacións

Seis visións de como a gráfica contemporánea se expande polo espazo

Os relatorios tiñan como punto de partida a obra das participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/10/2022

Seis artistas e investigadoras que teñen como punto en común a súa aposta “pola expansión da gráfica contemporánea” participaron este luns na Casa das Campás nun encontro promovido polo grupo dx5, que tiña por obxecto “pór o foco nos cruces existentes entre arte múltiple e instalación”, como salientou na súa apertura a profesora Ana Soler. Inserido na liña de investigación El múltiple que ocupa el espacio, deste grupo da Facultade de Belas Artes, este seminario tiña como obxectivo a posta en común de diferentes visións de como a idea do múltiple na arte, tradicionalmente asociada a disciplinas como o gravado, forma parte na actualidade de diferentes procesos que abandonan a idea das dúas dimensións para “ocupar o espazo”, como salientou Soler.

Inserido no proxecto de investigación que o grupo dx5 desenvolve ao abeiro das axudas ao Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia, este seminario enmárcase á súa vez nos “encontros de interacción gráfica” que promoven desde hai anos co propósito de “facernos preguntas” sobre diferentes cuestións relativas á arte contemporánea desde unha “tripla perspectiva teórico-conceptual, científico-técnica e artístico práctica”, sinalou a súa coordinadora. Con ese propósito, o seminario buscou presentar diferentes “indagacións” que conectan arte múltiple e instalación e que abranguen, como sinalou Soler, desde a “gráfica tridimensional” á comprensión do proceso artístico “como unha linguaxe creativa”, pasando pola representación “do tempo superposto”, a idea do “libro expandido”, as intervencións pictóricas que “refusan os formatos tradicionais” e o papel do “tecido e entretecido como interface”.

Da hibridación entre disciplinas á tridimensionalidade de gráfica 

Este encontro abriuse coas reflexións sobre as “relacións simbióticas da arte múltiple” da artista e profesora da Universidad de Salamanca Vanesa Gallardo que, como lembrou Soler, centra a súa produción artística e investigadora “no estudo dos límites que se materializan nos procesos interdisciplinares contemporáneos” e nas “sinerxías” que se xeran en torno á multiplicidade, a instalación e a pintura. Estas cuestións estiveron presentes tamén no relatorio da artista e investigadora Elena Jiménez sobre as “capacidades narrativas” da arte gráfica. Nunha intervención que partiu do seu traballo creativo, Jiménez abordou como os “procesos tradicionais de estampado” poden entenderse como unha “orixe desde onde avanzar” cara proxectos caracterizados pola “hibridación”, nos que se vale de medios fotográficos, escultóricos ou da instalación, dando como resultado obras que “rompen os formatos clásicos”, como destacou Soler. A coordinadora do grupo dx5 foi, a continuación, a encargada de pechar a primeira das mesas do encontro cunha conferencia titulada Cando o tempo se detén, a complexidade invade o espazo. Memoria, repetición e transformación. Nela, propuxo unha reflexión “sobre a idea do tempo expandido” e sobre como a arte pode abordar “a percepción das multirrealidades na memoria", partindo da idea de que “o artista ten a misión de facer visible o invisible”. 

A tamén investigadora do grupo dx5 Almudena Fernández Fariña encargouse de abrir a segunda das mesas cunha intervención na que fixo balance do traballo artístico que desde hai anos desenvolve coa “repetición de motivos e a multiplicación como eixo fundamental creativo”, dando lugar a obras que transitan do pictórico e o mural para internarse “no terreo de disciplinas como a instalación e a arte múltiple”, nun diálogo “coas especifidades do lugar”, salientou Soler. A continuación, a tamén integrante deste grupo Anne Heyvaert abordou como a transformación da estampa nun libro de artista permite ocupar “un novo espazo creativo” a partir do pregue do papel e como “este simple xesto” permite ir máis aló do bidimensional, afondando na obra de artistas que “investigaron correspondencias entre os pregues do libro e os espazos arquitectónicos”. Por último, a investigadora predoutoral Sara Coleman pechou o seminario cun relatorio no que propuxo “outra visión obre como o múltiple pode ocupar o espazo, a través do paradigma do tecido e o entretecido”, presentando unha serie de pezas nas que o téxtil se amosa como unha “interface múltiple” que conecta a obra co espazo. 

Esta análise a como a idea do múltiple se conecta coa instalación continuará, como adiantou Soler, cun novo encontro que o grupo prevé levar a cabo na primavera de 2023. Así mesmo, este seminario vese complementado vez pola exposición Primum movens, comisariada por Heyvaert e que ata o 4 de novembro permite ver na Fundación RAC as obras desenvolvidas polo artista e investigador Marco Moreira no marco da súa tese de doutoramento.