DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Case 4300 estudantes enfróntanse ás probas de acceso nos tres campus da Universidade de Vigo

Selectividade, tres días de exames coa cabeza posta nunha nota

A xeración do 27 e a narrativa hispanoamericana do século XX dan o pistoletazo de saída ás PAU

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 12/06/2013

“Veñen cunha idea máis ou menos clara do que queren estudar, outra cousa é conseguir a nota. Os que teñen un acceso alto son os que peor o pasan”. Así explican os profesores e profesoras por que os nervios son os verdadeiros protagonistas dos exames de Selectividade, que arrancaron hoxe nos tres campus da Universidade de Vigo con 4262 mozos e mozas que se xogan nestes tres días o seu futuro académico e laboral, case o 43% dos que se presentan ás Probas de Acceso á Universidade (PAU) en toda Galicia. “Están preparados, estudaron moito, pero é inevitable que se vexan desbordados sobre todo nas primeiras probas: é todo descoñecido para eles, máis formal que no instituto ou no colexio e sempre teñen medo de esquecerse de algo”, comenta Verónica, profesora do CPR Plurilingüe Las Acacias.

Unha vez repartido o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, os nervios comezaban a desaparecer para dar paso a unha mestura de concentración e imaxinación. Por diante, dúas opcións a escoller na proba que daba o pistoletazo de saída a tres días de probas: ou a narrativa hispanoamericana do século XX acompañada dun texto de Rosa Montero sobre a falta de responsabilidades da sociedade coa escusa da crise ou a xeración poética do 27 cun comentario crítico sobre a importancia de dar a cara ante a corrupción poñendo como exemplo unha entrevista na que Lance Amstrong recoñece o seu dopaxe. Á saída, todo eran caras de ledicia. “Unha vez co exame na man os nervios desapareceron”, explica Enrique mentres repasa nos corredores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais xunto con Pablo, José Luis e David, compañeiros do colexio Mariano. “Agora que vamos a entrar no seguinte o estómago volve a estar revolto”, comenta Pablo.

Entre exame e exame, repaso e moitos trucos para aplacar os nervios: “comer xusto antes de empezar a proba” para Ana, “cantar algo” para Laura… “Pero só lles funciona a elas, ao resto os medos só se van despois de acabar”, subliña Sheila, estudante do IES Pedro Floriani de Redondela. Aínda que o peor da xornada inaugural foi, sen dúbida e por unanimidade, “o momento da presentación”. “Só podía pensar en que acabara dunha vez para poder facer o exame e marchar”, aseguraba Nuria, xa algo máis relaxada mentres pasea polo campus vigués acompañada dos seus amigos, Ana, Laura, Sheila, Yasmina e Santiago. Todos teñen xa en mente o que estudar, aínda que só Ana está preocupada: “Eu o vexo moi complicado porque quero facer Odontoloxía e necesito sobre un 11,4. Teño un 9 de media no Bacharelato, pero sigo véndoo difícil”.

Os exames, moi accesibles

Con bastantes nervios pero tamén co desexo de pasar canto antes esta proba para a que se levan preparando todo o curso. Así se presentaron este mércores no campus de Ourense os 1037 alumnos e alumnas que este ano realizan a selectividade nas facultades de Historia, de Dereito e de Ciencias Empresarias e Turismo. Unha vez xa sentados e co primeiro exame na mesa, o de Lingua Castelá e Literatura, os nervios fóronse calmando e a confianza foi gañando terreo. “Unha vez te pos a escribir xa o estrés e o nerviosismo pasan a un segundo plano. Ademais, os primeiros exames non foron complicados, pensabamos que eran máis difíciles. Foi un bo comezo”, destacaba nun descanso o estudante ourensán Serxio López.

A súa opinión era compartida á entrada do Edificio Xurídico-Empresarial polo grupo de amigos Roque Carballo, Miguel López e Adrián Pérez, que soñan con que esta selectividade lles permita cumprir o seu desexo de estudar respectivamente Filoloxía Inglesa, Informática e Administración e Dirección de Empresas. “Nos viñemos bastante tranquilos. Levamos preparando estes exames todo o curso e incluso é un alivio facelos e rematar xa”, salientaba Roque no primeiro dos tres días que se prolongarán as probas. Despois de estar estudando as últimas semanas na Biblioteca Universitaria do campus ourensán, Miguel apuntaba que os temas escollidos para os primeiros exames non foron moi “rebuscados”. “Para o comentario de texto, por exemplo, tiñas que elixir entre un sobre a dopaxe no ciclismo e outro sobre a actualidade nos medios de comunicación. Dous temas interesantes para xente coma nós, polo que nos deron pé a comezar do mellor xeito posible a selectividade”, engadía Adrián tras rematar os primeiros exames.

Cifras por campus

Durante tres días os tres campus da Universidade de Vigo encherase con case 4300 estudantes. A cidade olívica é onde máis alumnos e alumnas se examinan estes días, con máis de 2200 matriculados divididos por Comisións Delegadas en tres centros: a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (1100), a Facultade de Filoloxía e Tradución (541) e a Facultade de Bioloxía (593). Pola súa banda, en Ourense preséntanse ás probas de acceso 1037 mozos e mozas repartidos entre as facultades de Historia (431), Dereito (337) e Ciencias Empresariais e Turismo (269). O campus de Pontevedra fan o exame 991 alumnos e alumnas, 612 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e 379 na Escola de Enxeñaría Forestal.