DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola asociación Forética e a Universidade de Vigo

Unha semana para aprender a facer sociedade dende a empresa

60 alumnos participan no curso de verán sobre Responsabilidade Social Empresarial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/07/2010

Conceptos como o de cambio climático, os dereitos humanos, o crecemento sostible ou a transparencia están cada vez máis presentes na sociedade actual e tamén na cultural empresarial. A obtención de beneficios e a competitividade do tecido empresarial non debe dar as costas á preocupacións socias como estas, senón incorporalas á súa escala de valores a aliñarse con estes desafíos mediante a Responsabilidade Social Empresarial. Para afondar na RSE como ferramenta útil para que as entidades se adapten e preparen para afrontar os retos das novas regras do mercado, a asociación Forética en colaboración coa Universidade de Vigo e Caixanova organiza ao longo de toda esta semana en Vigo un curso de verán sobre RSE: tendencias e retos para empresa sostible de 2010.

No acto de inauguración do curso, no que participan arredor de 60 alumnos de toda España e do estranxeiro batendo o récord de participación en edicións anteriores, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, salientou a necesidade de que valores como o medioambiente ou o desenvolvemento social formen parte da formación dos universitarios e destacou a implicación da Universidade de Vigo neste proceso, incluíndo a responsabilidade social empresarial nos contidos docentes. Con todo, apuntou que é necesario “que non se quede na teoría, que pase á práctica e así iremos da man empresa, Universidade e sociedade”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñeceu que a RSE é o xeito de “facer sociedade dende a empresa” e loou o traballo realizado neste sentido por institucións e empresas vigueses como Caixanova ou a factoría Citröen. “As empresas necesitan incorporar os valores da sociedade e os retos aos que se enfronta esta como propios, non poden vivir de costas e a sociedade recoñece este labor”. O propio director xeral de Caixanova, José Luis Pego, salientou tamén a implicación da caixa galega nesta labor, “que non se limita unicamente á obra social, senón que somos responsables en todas as nosas actividades” e explicou que a entidade vén de poñer en marcha o proxecto Mil Futuros, para protexer a infancia nos países subdesenvolvidos, e de elaborar un código de ética para todo o persoal de Caixanova. Pego lamentou que en épocas de crise como a actual se deixen estes conceptos de lado “ante a avalancha de datos económicos, pero a responsabilidade social corporativa é inherente á capacidade de supervivencia das empresas”.

Cinco xornadas para falar de futuro

Esta sexta edición do curso de verán da asociación Forética desenvólvese por primeira vez en Vigo co obxectivo, como explicou Juan Pedro Galiano, presidente de Forética, “de xerar debate e reflexión sobre a responsabilidade social, un tema xa consolidado como clave na xestión das empresas”. Ata o venres intervirán arredor de 40 expertos en RSE que explicarán casos reais como por exemplo o de Bayer, Renfe, Zeltia ou IBM, así como as novas tendencias neste campo ante retos como o avellentamento da poboación, a xestión da diversidade, o cambio climático, e esixencia de maior transparencia e comunicación interna e externa ou o diálogo cos grupos de interese. Segundo explicou, a actual crise económica “non fai máis que poñer de relevo a necesidade dun cambio de modelo de xestión, incorporando os valores e as preocupacións sociais e medioambientais” nas súas operacións comerciais e nas relacións cos seus interlocutores. Para Galiano, a perspectiva da RSE “non deixa de lado a competitividade”, senón que é unha estratexia para diferenciarse dos seus competidores, algo valorado por consumidores e clientes; trátese de conciliar o crecemento e a competitividade, integrando ao mesmo tempo o compromiso co desenvolvemento social e a mellora do medioambiente.

Sobre Forética

Forética é a asociación de empresas e profesionais da RSE líder en España e ten como misión fomentar a cultura da xestión ética e a responsabilidade social dotando ás organizacións de coñecemento e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio competitivo e sostible. Con dez anos de historia na actualidade conta con 240 socios entre os que hai empresas, universidades, ONGs, asociacións... “todos co obxectivo de xerar coñecemento”.