DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Dereito do día 13 ao 16 de xaneiro

Unha semana chea de actividades para celebrar a festividade de San Raimundo de Peñafort

Os actos conmemorativos concluirán coa graduación da promoción 2003/2008

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 12/01/2009

A Facultade de Dereito comeza o ano coa celebración do seu patrón, San Raimundo de Peñafort. Para conmemorar esta data están programadas múltiples actividades ao longo da semana, entre as que se inclúe o acto de graduación da promoción 2003/2008. Debido á proximidade dos exames e a que os alumnos aínda están quentando motores tras as vacacións do Nadal, os eventos programáronse cara a chegada da noite, de xeito que non interfiran coas clases. Hai que precisar que este “é o primeiro ano da historia da Facultade de Dereito no que se programa toda unha semana de actividades para celebrar a festividade do patrón”, explicou Iago Fariñas, vicedecano da Facultade de Dereito. Ata o de agora, a conmemoración desta festa “limitábase ao acto académico de licenciatura da última promoción”.
Durante catro días o dereito será o tema que centre as actividades xa que a celebración do seu patrón inclúe unha mesa redonda, a degustación de pratos típicos, conferencias, proxección de cine e o acto de graduación. Pero non remata aquí, xa que como actividade complementaria aos eventos culturais terá lugar o I Certame de fotografía xurídica San Raimundo de Peñafort que estará aberto ata o día 16 de febreiro.

Programación

Esta semana de conmemoración iníciase o martes 13 de xaneiro cunha mesa redonda ás 20.00 horas na que participarán “estudantes estranxeiros que estudan na nosa facultade e estudantes de aquí que estudaron nunha universidade estranxeira”, indicou Fariñas. Esta cita, que terá lugar no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial, servirá para coñecer experiencias vividas e a formación académica e persoal que adquiriron estes alumnos nas súas estadías fóra do seu lugar de orixe. En total, o número de estudantes de Dereito no estranxeiro, do curso 2008/2009, “son 17 e os Erasmus ascenden a 14, aínda que estes datos poden variar no segundo cuadrimestre”, precisou Fariñas. Esta mesa redonda servirá “para animar a outros alumnos a dar o paso de estudar un ano no estranxeiro e para coñecer as cousas que lles preocupan e cales son as maiores dificultades coas que se atopan”. En palabras do vicedecano “se coidamos aos estudantes estranxeiros cando están na nosa facultade converteranse nos mellores embaixadores que poidamos ter polo mundo”. Tras a mesa redonda, ás 21.00 horas terá lugar unha degustación dos pratos típicos dos países de orixe dos estudantes de intercambio elaborados por eles mesmos.
O mércores 14, Pedro Francisco Rabanal, ex decano da Facultade de Dereito, será o relator da conferencia A figura de San Raimundo de Peñafort. Obra e milagres, por que patrón do Dereito. Ao remate da súa intervención, ás 20.45 horas, terá lugar a asemblea da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Facultade que pechará ás 21.30 horas cun viño de clausura.
A proxección de Death Proof, filme do afamado director Quentin Tarantino, será a cita do xoves ás 19.00 horas na aula magna da Facultade de Dereito. Tras o visionado abrirase un debate dirixido por Pablo Raúl Bonorino, da Área de Filosofía do Dereito e Iago Fariñas, vicedecano da facultade.
Para rematar a semana de celebración, o venres 16 ás 12.00 horas presentarase o libro homenaxe El conflicto colectivo y la huelga de Gonzalo Diéguez, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Santiago de Compostela. Xa pola tarde, ás 18.15 horas, na Igrexa de Santo Domingo terá lugar unha misa en memoria dos alumnos e compañeiros falecidos. Non será ata ás 19.30 horas cando dea comezo o acto académico de graduación da promoción 2003/2008 da Facultade de Dereito que pechará a semana da festividade de San Raimundo de Peñafort.

O patrón de Dereito

O nome de Raimundo ven de Ramón e significa “bo consello”. Este santo, nacido no ano 1175 na localidade de Peñafort, preto de Barcelona, estudou na Universidade de Boloña e foi doutor en Dereito civil e canónico. Mediante o decreto do 23 de xaneiro de 1944, creouse a Cruz de San Raimundo de Peñafort para premiar os méritos daqueles que interveñen na administración de xustiza e no estudo do dereito en todas as súas ramas. Estes son algúns datos básicos do patrón de Dereito, sen embargo, “para coñecer máis deste ilustre personaxe, o ex decano da facultade, Pedro Rabanal, impartirá unha conferencia sobre este tema”, explicou Fariñas.

Cine e dereito

É habitual que o cine e a televisión reflictan escenas relacionadas co dereito. Non só existen películas e series centradas na vida de avogados, como por exemplo Ally McBeal ou Shark, senón que ademais “é moi común no cine americano que se faga alusión a procedementos xudiciais en moitos filmes”, comentou Pablo Bonorino, profesor da Área de Filosofía do Dereito. Sobre este e outros temas versará o debate dirixido por Bonorino e Fariñas tras a proxección do filme Death Proof, xa que “o exercicio da avogacía é un nutriente importante nas ficcións cinematográficas e televisivas de tódalas épocas”, afirmou Bonorino.