DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades organizadas pola Universidade prolongaranse ata o 25 de novembro

A Semana da Ciencia comeza descubrindo as cores do mar e a cara máis lúdica do coñecemento científico

ECIMAT, o Pazo da Cultura e a Facultade CC.Sociais, escenarios das primeiras actividades

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría/Camino Carballeira DUVI 10/11/2008

Descubrir as cores do mar, xogar coa ciencia e achegarse á comunicación mediante a fotografía ou a televisión, son actividades nas que desde hoxe e durante varios días poderán participar tanto escolares como público en xeral, dentro do programa da Semana da Ciencia coordenada pola Consellería de Innovación e Industria e na que a Universidade de Vigo participa activamente coa organización de diversas actividades.
Ás mostras e programas que hoxe comezaron na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, sumaránselles en próximos días representacións teatrais na EUTE Forestal, actividades dedicadas ás enerxías e os materiais na ETSE de Minas e visitas a laboratorios de Física Aplicada na ETSE Industrial, completando así o calendario deseñado este ano para celebrar, como no resto de Europa, a Semana da Ciencia. E é que, como sinala Ricardo Beiras, director de ECIMAT, “nos países máis avanzados a divulgación da ciencia coidase moito por que está claro que os científicos non estamos á marxe da sociedade. É bo que haxa un contacto estreito”.

ECIMAT énchese de cor

Precisamente coa fin de dar a coñecer á sociedade a actividade que se desenvolve na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT abre desde hoxe, e ata o vindeiro luns, as súas portas non só a escolares, se non tamén a aquelas persoas que desexen entrar en contacto co mundo da investigación mariña. Este ano o achegamento realizarase tomando como eixo central as cores do mar, que son as protagonistas da mostra que se pode visitar na Estación e na que a través de paneis explicativos, acuarios e ata un arco da vella feito con distintos pigmentos, os visitantes poderán descubrir o mundo de luz e color que se agocha na superficie e nos fondo mariños. “A mostra, a través dos paneis, e tamén os acuarios permiten achegarnos a aspectos físicos da luz na auga , a importancia dos pigmentos ou o mimetismo do que están dotadas algunhas especies que as fan practicamente invisibles”, explica Enrique Poza, director técnico de ECIMAT que xunto a case media ducia de persoas, encargouse da organización da mostra e das actividades que durante a Semana da Ciencia desenvolveranse na Estación.
Para os escolares, ademais da exposición, programáronse outras actividades como unha saída ao intermareal na que poderán ver sobre o terreo diferentes tipos de algas con distintas cores e recoller mostrar que posteriormente poderán analizar baixo o microscopio. Darlle de comer a un polbo ou a un choco que se atopan nos acuarios que integran mostra e disfrutar da proxección do documental “Baixo as ondas das rías” producido por Caixanova, completarán a xornada de achegamento ás cores do mar na que participarán uns 250 escolares de varios centros educativos da provincia. “Na Estación interésanos entrar en contacto con os máis novos a través da divulgación da ciencia que tamén é unha achega importante para a Universidade”, sinala Enrique Poza referíndose á utilidade das xornadas que Ricardo Beiras tamén observa como “unha boa ocasión de insistir na tan necesaria concienciación que temos que realizar para evitar unha sobrexplotación ou degradación dos recursos mariños”.

O xogo da ciencia

Cal é a diferencia entre un motor diesel e outro a gasoliña? Como saber se un ovo é fresco? Por que as pontes romanas se manteñen en pé despois de tanto tempo? A estas e outras preguntas dá resposta a exposición Xogando coa ciencia que este luns se inaugurou no Pazo da Cultura de Pontevedra. A modo de museo interactivo, os visitantes poderán experimentar con máis de 100 xoguetes, crebacabezas, trebellos e curiosidades relacionadas coas ciencias experimentais, física, química, bioloxía e xeoloxía, tecnoloxía e matemáticas distribuídos en tres seminarios do primeiro andar. No espazo destinado aos paradoxos da percepción, detallados a través de 50 paneis, destaca a presenza dun omnipoliedro de dous metros de envergadura ademais de catro espellos curvos, cóncavos e convexos, que deforman a imaxe.
A mostra, coordenada pola profesora da Universidade de Vigo, Antonia Blanco e que hoxe foi inaugurada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, permanecerá aberta ata o día 15 e recibirá en horario de mañá a máis de 1600 alumnos de 16 institutos e 20 colexios da bisbarra de Pontevedra. Nas sesións de tarde, de 16.30 a 18.30 h, e na do sábado á mañá, o acceso será libre. A exposición tamén será útil para os alumnos do Curso de Aptitude Pedagóxica, xa que existe o proxecto de introducir no módulo de didácticas específicas unha nova forma de ensinanza das ciencias. Desta forma, os alumnos do CAP que o desexen poderán amosar os distintos aspectos da mostra a un público variado e diverso ao tempo que collen experiencia na divulgación de coñecementos. A monitorización esta experiencia será pertinentemente avaliada de cara a súa funcionalidade, operatividade e posible proxección de futuro.