DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 12 ao 16 desenvolveranse actividades dirixidas ao alumnado de ensino medio e bacharelato

A Semana da Ciencia volve á ETS de Minas para espertar vocacións entre 800 estudantes de secundaria

Cunha simulación de manexo de explosivos ou a toma de imaxes cunha cámara termográfica

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/11/2012
Un ano máis, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas volve abrir as súas portas aos futuros universitarios para amosarlles o traballo que desenvolven os seus titulados a importancia destes labores en diferentes aspectos da vida. Nesta edición da Semana da Ciencia, e baixo o lema Enerxía, materiais e medio ambiente achegaranse á escola preto de 25 centros de ensino medio e bacharelato que realizarán visitas guiadas de dúas horas convertendo os seus espazos en zonas interactivas con visitas aos laboratorios, manipulando por exemplo módulos demostrativos de explosivos, achegándose ao traballo de campo dos enxeñeiros de minas ou observando un levantamento tridimensional dunha parte do edificio mediante láser 3D.

A partir do luns 12 de novembro e durante toda a semana a escola viguesa converterase nun escaparate do traballo dos enxeñeiros de minas en todas as súas facetas, ideado como un museo interactivo e científico. Os contido estarán orientados principalmente á enerxía, os novos materiais e o medio ambiente e os recursos que se empregarán buscan a participación activa do público asistente mediante actividades manipulativas reais apoiadas por “medios audiovisuais deseñados a medida, con fotografías representativas, vídeos e textos claros, sinxelos e de breve lectura”, segundo explica José Benito Vázquez, subdirector da ETSE de Minas e coordinador das actividades da Semana da Ciencia na Universidade.

Máis de 800 asistentes ao longo da semana

En total, como indica José Benito Vázquez agardan “a asistencia de entre 800 e 900 de procedentes de preto de 25 centros de toda Galicia”. Neste 2012 as actividades coinciden co Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos por iso o lema é Enerxía, Materiais e Medio Ambiente: Renovación na Terra. Vázquez explica que “os visitantes reciben unha experiencia directa do que é a investigación no centro, información adaptada aos seus coñecementos e agasallos e nesta edición incluímos unha linterna-dinamo”. Logo da visita todos os centros reciben un DVD cos termogramas, escaneados 3D, vídeos e fotos que se fan durante a súa visita.

Tras anos de experiencia organizando estas actividades da Semana da Ciencias, polas que pasaron máis de 6000 persoas en cinco anos e un cento de centros educativos, José Benito Vázquez considera que esta iniciativa “é un modelo de difusión e acercamento do centro á sociedade” e anima a outros centros universitarios a unirse. Nesta sexta edición contan co apoio dos colexios de Enxeñeiros de Minas, do Instituto Geológico y Minero de España e das empresas Repsol e Cepsa.