DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Sharkwater" introdúcese nos habítats dos escualos en Illa de Cocos e Illas Galápagos

A Semana de Cine Submarino comeza cunha denuncia da persecución á que a humanidade somete ás quenllas

O edificio de Ciencias Experimentais acolleu este mércores a proxección da longametraxe dirixida po

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 25/11/2009

Afondar no mundo das quenllas para amosar a auténtica realidade desta especie é o obxectivo da longametraxe Sharkwater, dirixida por Rob Stewart, que se presentou este mércores no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais no inicio da XIX Semana do Cine Submarino. A proxección da primeira xornada ofreceu unha visión moi diferente da que deu Spielberg co seu filme Tiburón, que gravou nas nosas mentes o instinto asasino deste animal. Este mito queda desmentido neste documental, posto que o depredador tan temido polo ser humano é en realidade moi vulnerable.
O decano de Ciencias do Mar, Jesús Souza, destacou a importancia que posúe este evento para Vigo e a súa conntorna así como para o alumnado, que pode completar a súa formación. “O estudantado é moi afortunado por poder asistir ás preestreas destas proxeccións, posto que na nosa titulación estamos moi implicados co estudo do mundo mariño e empregamos moitas das escenas como material para traballar nas clases” comentou o decano. Pola súa banda, os asistentes amosábanse moi interesados na temática tratada nesta proxección. Paula Mirre e Alejandra Ferreira, estudantes de segundo curso de Ciencias do Mar, acudiron á presentación de Sharkwater motivadas polo seu contido. “Interésanos coñecer a forma de vida e de cazar da quenlla e o tema da pesca ilegal é moi actual” declararon as alumnas. “Iremos a todas as proxeccións que poidamos, posto que achegan moito aos nosos estudos” engadiron.
O documental, composto por 17 capítulos rodados en alta definición, introduciu aos espectadores no hábitat dos escualos, situado en reservas mariñas da Illa de Cocos, Costa Rica e as Illas Galápagos, onde nacen e crecen diferentes especies como o martillo, o branco ou o balea. Na actualidade estase a dar unha notable diminución do número de exemplares que nada teñen que ver con motivos naturais, senón que é o ser humano o principal responsable desta catástrofe, sendo esta unha das mensaxes máis relevantes que se transmiten neste documental, que tamén se proxectará ás 20.00 horas no Centro Cultural Caixanova de Vigo.

A quenlla: de depredador a presa

O contido do documental de Sharkwater fai unha denuncia social na que pon de manifesto o perigo que corren os escualos debido á caza indiscriminada por parte de pescadores furtivos, sobre todo de orixe oriental, para os que a aleta  é un ben moi prezado. Nesta caza empréganse técnicas de pesca ilegais con redes de ata 96 quilómetros de lonxitude nas que quedan atrapados preto de 160 escualos, ademais de moitas outras especies mariñas.
A mala reputación desta especie obrígana a sufrir unha persecución constante por parte da humanidade, que non se involucra no seu salvamento, senón todo o contrario. Existe unha animadversión psicolóxica xeralizada cara á quenlla, concibida como unha ameaza para o home debido á influenza negativa que os medios de comunicación transmiten á sociedade. “É un animal moi territorial, por iso ataca cando o ser humano invade o seu hábitat, pero a súa actitude non é agresiva, senón defensiva” afirmou Souza, que incidiu no contido do documental Sharkwater, no que se destaca a necesidade de aprender a convivir cos escualos para rematar coa guerra existente entre esta especie e o ser humano, a súa principal ameaza.

O bosque encantado de Jorge Candán proxéctase este xoves

Este xoves continuarán as proxeccións na Facultade de Ciencias do Mar ás 12.00 co documental El bosque encantado e relatorio do realizador galego Jorge Candán que participará unha vez finalizada a proxección nun coloquio cos asistentes. O bosque encantado amosa un bosque descoñecido para o gran público, obxecto dos medos inxustificados dos bañistas. O documental comeza cunha visión misteriosa, máis propia de ciencias ocultas, que se vai convertendo nun bosque de pura ciencia, con especies e comportamentos dun ecosistema moi rico, de misterios biolóxicos. Xa pola tarde no Centro Cultural Caixanova proxectarase o documental Los reyes del Ártico que segue a vida dunha cría de oso polar e dunha morsa ao longo de 15 anos, cando estes animais chegan á súa madurez. A cinta tamén amosa as dificultades para sobrevivir destes animais ante os estragos do cambio climático no Ártico.