DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 26 ao 28 deste mes no Centro Cultural Caixanova e na Facultade de Ciencias do Mar

A Semana de Cine Submarino cumpre a maioría de idade cun programa de luxo e marcado carácter internacional

Coa presenza de Andy Byatt, realizador da serie Planeta Azul da BBC

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/11/2008
A Semana de Cine Submarino cumpre esta ano a súa décimo oitava edición e acada a maioría de idade ofrecendo unha programación de alta calidade e marcado carácter internacional, no que xa é un clásico da oferta cultural da cidade de Vigo. Para esta ocasión especial a organización conta con dous realizadores de prestixio internacional como son Andy Byatt e Juan Antonio Romero, que teñen traballado nas series da BBC, Planeta Azul e Planeta Terra. Con todo, e sendo Galicia terra de mar, a programación conta cunha vertente local ao abeiro da cal se proxectará a peza rodada integramente en Vigo Mar das Cíes, cunha duración maior ao habitual para amosar aos asistentes as particularidades desta zona da ría.
Ademais, como ven sendo costume das últimas edicións, o campus acollerá tamén unha serie de actividades complementarias ás proxección e debates que se celebrarán no Centro Cultural de Caixanova, e nos que tomarán parte dos propios convidados da Semana de Cine Submarino pero presentando outras pezas audiovisuais para a comunidade universitaria.
Segundo subliñou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, na presentación desta décimo oitava edición, “esta é unha iniciativa que pretende buscar complicidades coa sociedade viguesa, por iso organizamos esta Semana de Cine Submarino na cidade cunha temática de fonda raigame e que esperta a preocupación do colectivo cidadán como é o medio mariño”.
O programa de actividades comprende un total de tres xornadas, seis proxeccións de traballos audiovisuais e tres debates cos realizadores, ademais da programación particular que se vai desenvolver no campus e das actividades destinadas a escolares. Nesta iniciativa colaboran xunto coa Universidade, a Obra Social de Caixanova, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Club Subacuático Bahía de Vigo, ao que pertence o director da Semana, José Luis González.

A maioría de idade

Con esta edición, a Semana de Cine Submarino cumpre dezaoito anos en Vigo acadando sempre unha ampla aceptación na cidade e un importante número de asistentes. Segundo apuntou a vicerreitora “o tema interesa ao público en xeral, as sesión en anos anteriores acadaron un amplo recoñecemento, xa sexa polo interese polo mundo mariño ou pola beleza das imaxes destes documentais, e os debates adoitan ser moi participativos”. Pola súa banda, a delegada territorial de Pontevedra/Vigo da Consellería de Pesca, María Ánxeles Montero, felicitou os pais "desta criatura que cumpre agora a maioría de idade por traernos imaxes tan marabillosas como as do calamar xigante que nos abraiou anos atrás a todos ou as da lamprea”. Neste sentido, subliñou a importancia deste tipo de actividades formativas ao tempo que lúdicas, que “nos permiten aprender e divertirnos, sobre todo no caso dos nenos”.
Precisamente para os cativos, a organización programou proxeccións matinais no Centro Cultural Caixanova, nas que se agarda a participación de preto de 3000 rapaces. Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova, salientou tamén a importancia deste tipo de actividades “para os máis pequenos, que son o futuro de Galicia e poden coñecer a riqueza das nosas rías e dos mares de fóra, aínda que esta Semana é recomendable para calquera pola espectacularidade das imaxes”.

Das Illas Cíes a océanos profundos

Dende este mércores e ata o venres proxectaranse seis pezas audiovisuais de moi diferentes contidos e procedencias. Segundo o director da Semana, José Luis González, “tratamos de buscar un equilibrio entre o nacional, o internacional e o local, facendo un percorrido por todo o planeta”, dende as Cíes ata as Canarias e dende os arrecifes ata os océanos profundos.
O ciclo abrirase o mércores a partir das 20.00 horas coas pezas Costas e Arrecifes, produción de Mark Brown para a BBC e Mergullo en Gran Canaria, de Rafael Herrero, que será o invitado do debate posterior. A xornada do xoves terá un marcado carácter internacional coa presenza de Juan Antonio Romero de Andy Byatte e a proxección de Océanos e o making-off da serie Planeta Tierra, “a última obra mestra de BBC”, segundo José Luis González. Na terceira e última xornada, os asistentes poderán gozar de Las Galápagos Illas de Lava e Mar das Cíes, un documental de 52 minutos, 30 deles en estrea, dirixido por Manuel Uhía, que nos achega aos fondos das illas. O conferenciante que pecha esta edición será o decano de Ciencias do Mar, Jesús Souza.

A semana na Universidade

No marco da colaboración coa Universidade de Vigo, a Semana de Cine Submarino conta tamén con actividades no campus. O mércores e o xoves, a partir das 13.00 horas no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, desenvolveranse coloquios cos mesmos convidados pero con diferentes proxeccións. Rafael Herrero presentará Mar de nadie, unha peza inédita que ofrece unha visión diferente do mar o día 26 e Andy Byatt e Juan Antonio Romero compartirán o xoves cos estudantes O abismo do Amazonas, unha obra baseada nunha expedición científica polo río, as súas criaturas estrañas e os seus lugares recónditos.