DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra a súa xa tradicional International Week

Esta semana fálame en inglés, 'please'

Coa participación de docentes de universidades de Alemaña, Francia, Italia, Portugal e Estados Unido

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/04/2013

Na procura dunha universidade cada vez máis internacional e dun alumnado cada vez máis competente en idiomas, son moitas e crecentes as iniciativas que se levan a cabo nos diferentes centros. No caso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense cada ano celebra a súa xa tradicional International Week. Nela, un grupo de docentes e estudantes estranxeiros se achegan ata o campus para compartir unha semana de conferencias e actividades coa comunidade universitaria ourensá. O único idioma oficial, o inglés, e o obxectivo principal, o mutuo enriquecemento académico e persoal.

“Nesta edición conseguimos sacar adiante un programa moi completo e interesante. Participarán docentes de universidades de Alemaña, Francia, Italia, Portugal e Estados Unidos e un grupo de 14 estudantes de Bremerhaven, en Alemaña. Será unha fantástica oportunidade para que o noso alumnado e tamén docentes se acheguen a temas de interese na súa materia pero desde un idioma e desde unha óptica diferente”, destacou Ángel Barajas, coordinador da actividade. Á iniciativa, explicou, poden unirse todos os estudantes do centro que o desexen, especialmente aqueles que cursan materias afíns a cada intervención.

Aposta pola internacionalización

Cada un dos docentes foráneos ofrecerá unha conferencia sobre un tema de interese para o alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo, como poden ser a xestión da diversidade cultural nas empresas en Europa, os actuais problemas financeiros, a situación das finanzas públicas, o desenvolvemento sostible, a toma de decisións empresariais ou a calidade das páxinas web de turismo. Ademais, haberá un seminario específico destinado a que docentes e persoal investigador do centro se forme en ferramentas estatísticas de utilidade para a súa actividade académica.

Especialmente interesante, subliñou Ángel Barajas, é a participación un ano máis dunha representación de universitarios da Hochschule Bremerhaven. “Con este centro alemán vimos colaborando desde fai anos e é sempre unha satisfacción acoller alumnado seu na nosa facultade. Do éxito desta iniciativa dá conta o feito de que algúns dos estudantes que veñen nesta ocasión xa viñeron en anteriores edicións da International Week e que froito desta relación temos solicitado conxuntamente e con outros socios europeos un proxecto que agardamos se nos conceda e poder así seguir estreitando os lazos”, destacou o coordinador desta International Week, que foi inaugurada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, por e Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que destacaron a aposta deste centro por intensificar a súa internacionalización coa creación dun vicedecanato específico dedicado a esta tarefa.