DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de conferencias, que tamén afondan en cuestións como a preservación da bioviersidade 

A Semana Forestal aborda as saídas profesionais e a implantación das novas tecnoloxías neste sector

Organizada pola delegación de estudantes, desenvólvese ata o mércores na EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/04/2022

Da implantación das novas tecnoloxías no sector agroforestal á conservación da biodiversidade, pasando polos procesos de dixitalización que a Xunta de Galicia promove neste eido e polos diferentes ámbitos nos que os titulados e tituladas da escola desenvolven o seu labor profesional. Estas son algunhas das temáticas a abordar na Semana Forestal 2022, un ciclo de conferencias, talleres e mesas de debate que se desenvolve ata este mércores na Escola de Enxeñaría Forestal. “Trátase dunha actividade que organizamos desde delegación de estudantes, co apoio do centro, e para a que consultamos aos alumnos que temas podían ser de maior interese”, sinala a representante da delegación Carmen Becerra dunhas xornadas para as que o centro suspende a docencia habitual co propósito de que as e os estudantes poidan participar nas diferentes iniciativas. 

As aplicacións dos drons no sector abren tres días de actividade

A Semana Forestal arrancou na mañá deste luns cun relatorio no que o responsable da empresa Beniu Soluciones Agroforestales, David Blanco, afondou nas aplicacións que poden ter os drons nos sectores agrícola e forestal. Partindo da súa propia experiencia como emprendedor, este técnico superior en xestión forestal presentou os diferentes ámbitos de actuación da súa empresa, que abranguen desde traballos de teledetección e análise multiespectral da vexetación, ata levantamentos topográficos, cubicacións ou a aplicación de tratamentos fitosanitarios por medios aéreos.

A segunda conferencia buscou achegar ao alumnado o mundo da produción apícola, da man de Xosé Torres, presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), quen lembrou que existen na comunidade “preto de 4600 apicultores”, sendo este “un dos sectores agrarios nos que existe un relevo xeracional”. Torres afondou así mesmo nas problemáticas que atinxen ao conxunto de sector desde a perspectiva do asociacionismo, ao que o veterinario de AGA Gonzalo Calvo sumou a perspectiva sanitaria. Ambos incidiron tamén na vinculación da apicultura co sector forestal, pondo de relevo a importancia das abellas como “garantía e como indicadores da biodiversidade”. Nese senso, Torres subliñou que o seu labor “máis primordial é a polinización dos cultivos e das plantas”, lembrando que preto do 70% dos cultivos destinados á alimentación humana dependen indirectamente do labor das abellas e outros insectos polinizadores.  

Tamén este luns, as xornadas acolleron un coloquio sobre plantas invasoras no rego das Louriñas e a marisma da Gandarela, a cargo de Carmela Alfonso, docente do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, e a presenza no centro dun simulador da Federación Galega de Caza.

Medio Rural, protagonista da segunda xornada

A xornada do martes contará cunha rolda de intervencións por videoconferencia de diferentes representantes da Consellería do Medio Rural, que abrirá unha presentación do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, sobre o Plan Forestal e a organización da administración forestal autonómica. O técnico desta dirección xeral Jacobo Aboal abordará a continuación as diferentes iniciativas en materia de dixitalización aplicadas ao sector impulsadas desde a administración autonómica, mentres que o subdirector xeral de Recursos Forestais, Xosé Alberte Piñeiro, e o xefe do Servizo de Xestión Forestal, Odón López, ambos tamén da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, centrarán as súas intervencións no procedemento de elaboración de plans de xestión e nos modelos silvícolas.

Posteriormente, a alumna de doutoramento Laura Alonso relatará a súa experiencia no ámbito da investigación, afondando na súa traxectoria desde que rematou o Ggrao en Enxeñaría Forestal á súa actual participación en varios dos proxectos que se levan a cabo na escola. Por último, a xornada complétase cun taller de identificación de cogomelos comestibles.

Unha ollada a múltiples camiños profesionais

Para o mércores está prevista unha mesa redonda sobre orientación laboral e emprego, titulada Son enxeñeiro... e agora que?, xunto cun seminario que reunirá as experiencias de profesionais, “que se formaron na escola e que a día de hoxe traballan nalgo que pode parecerche totalmente inesperado cando acabas a carreira”, explica Becerra. Combinando as intervencións presenciais e virtuais, este coloquio reunirá ao fundador da empresa Xeométrica Roberto Rodríguez Cabeceira, ao técnico de sistemas de información xeográfica do Concello de Vigo Fernando Lago, que previamente traballou no servizo forestal dos Estados Unidos, e ao socio de Enxeñería Forestal Asefor e membro da asociación Bioeco2 Manuel Beiro. Tamén intervirá unha exalumna da escola que actualmente desenvolve o seu labor profesional en Apple e o investigador de Sylvera Pedro Rodríguez Veiga, que previamente traballou para a Nasa e para Airbus, así como nas universidades de Kyoto e Leicester.

Previamente, unha mesa redonda buscará achegar aos futuros graduados e graduadas información das súas opcións laborais tanto no sector público e privado. O coloquio contará coas intervencións da xerente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, Patricia González, do egresado e directivo da empresa Finsa Xosé Mera e da tamén exalumna da escola Verónica Santiago, responsable de calidade, medio ambiente e seguridade laboral, así como de proxectos de responsabilidade social empresarial de Teiga TMI. Así mesmo, da man do director da escola, Juan Picos, esta mesa deterase tamén nas opcións que teñen os graduados e graduadas para ampliar a súa formación cursando estudos de posgrao.