DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese ata este venres 18 nas diferentes facultades e escolas

A semana de recollida de aparatos eléctricos e electrónicos chega á súa décimo quinta edición

Dirixida a promover un correcto tratamento destes residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/11/2022

Ata este venres 18, desenvólvese no campus a edición número 15 da Semana de Recollida de RAEEs (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), unha iniciativa coa que a Vicerreitoría do campus busca contribuír á concienciación da comunidade universitaria respecto da importancia que ten o correcto tratamento de residuos como electrodomésticos ou equipos informáticos, debido ao carácter contaminante dalgúns dos seus compoñentes. Ata este venres, as diferentes facultades e escolas, a sede da Vicerreitoría e o Pavillón Universitario contan cun punto de recollida no que depositar estes aparellos, que a vindeira semana serán trasladados a un xestor autorizado para o tratamento deste tipo de residuos.

Ordenadores, teléfonos móbiles, impresoras ou múltiples tipos de electrodomésticos forman parte dos centos de obxectos reunidos nas anteriores edicións dunha iniciativa “que se insire no compromiso do campus coa sostibilidade e á queremos dar continuidade, porque é moi utilizada pola comunidade universitaria”, sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. De feito, esta Semana de Recollida de RAEEs adoita cumprir normalmente “unha dobre función”, engade, xa que permite por unha banda o correcto tratamento “dos residuos que se xeran na Universidade”, á vez que “ofreces tamén un servizo” aos e ás integrantes da comunidade universitaria “que traen tamén aparellos que teñen nas súas casas”.