DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campus do Mar acada 171.000 euros da Xunta para financiar o proxecto de formación de doutores africa

A semente da cooperación ao desenvolvemento xa dispón de fondos para abrollar en Cabo Verde

Positivo balance da rolda de encontros realizada por responsables do campus a semana pasada en Brasi

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/05/2012
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia outorgará 171.700 euros ao proxecto Fortalecemento da investigación e formación académica en Cabo Verde para favorecer un desenvolvemento mariño sostible, presentado por Campus do Mar á convocatoria de subvencións para proxectos no exterior. A iniciativa do campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo foi seleccionada xunto a outros cinco proxectos dun total de 15 presentados á categoría de axudas a proxectos de cooperación no exterior presentados por axentes ao marxe de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, ONGD, dotada cun total de un millón de euros.
Este proxecto encadrado no Plan Estratéxico de Cooperación ao Desenvolvemento do Campus do Mar permitirá financiar o convenio asinado hai escasamente tres meses entre as universidades de Vigo, Cabo Verde e o Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas do país africano para que catro investigadores caboverdianos cursen o programa de doutoramento de Campus do Mar e posteriormente poidan poñer en marcha un programa de seu en Cabo Verde. “Esta achega da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, permitirá, sumada á do propio Campus do Mar que acada os 120.000 euros, completar o ciclo de formación dos doutores caboverdianos financiando as viaxes que eles e os directores das súas teses teñan que facer, así como o pago das matrículas e o desenvolvemento dos sistemas de videoconferencia precisos para a súa formación”, detalla Alberto González Garcés, director da Área de Internacionalización de Campus do Mar.

O proxecto presentado polo campus de excelencia internacional liderado pola Universidade de Vigo obtivo o 100% da axuda solicitada, 171.700 euros, que se abonarán en dúas anualidades correspondentes aos anos 2012 e 2013, percibindo o primeiro deles 51.510 euros e o segundo 120.190. “Esta axuda é un espaldarazo á política de cooperación ao desenvolvemento de Campus do Mar por parte da Xunta de Galicia e nos dá a seguridade económica que precisabamos para que a semente do doutoramento que queremos que xermine en Cabo Verde poida ser realidade”, explica González Garcés que agrade á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE o seu respaldo a esta iniciativa.

Portas abertas en Brasil á cooperación en doutoramento e dobres titulacións

De “moi positivo”cualifica o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, o resultado da viaxe realizada a semana pasada a Brasil, onde acompañado polo responsable da Área de Internacionalización do campus, Alberto González Garcés, reuniuse con responsables de universidades, centros de investigación e entidades financiadoras de São Paulo, Río de Janeiro e Curitiba-Paraná. “Por unha banda confiamos en pechar un acordo con entidades financiadoras, fundamentalmente o Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico”, para que este lance unha convocatoria específica para a realización de estudos de doutoramento no programa DO*MAR por parte de estudantes brasileiros de xeito que as súas teses sexan coodirixidas entre doutores do Campus de Mar e do seu país”, explica Suárez.
A este obxectivo sumaríase o da concreción de acordos con todas as universidades visitadas para o establecemento de dobres titulacións de doutoramento, “un paso fundamental no proceso de internacionalización dos nosos estudos de posgrao”, sinala o director de Campus do Mar que incide na relevancia das universidades contactadas, destacando a de São Paulo, número 1 de Iberoamérica segundo o último ránking SCIMAGO e situada entre as 100 primeiras do mundo e a Federal de Río de Janeiro que ocupa o posto 5 no mesmo ránking. A materialización destes acordos traduciríase na próxima redacción de convenios, previos ao inicio dos correspondentes trámites.

Aínda que a dimensión dos centros visitados ao longo da pasada semana é moi variable, Emilio Fernández destaca “o elevado nivel científico dos seus profesores e investigadores”, así como o interese espertado por Campus do Mar nun momento de clara expansión no que se atopa Brasil no eido da I+D. “Resultou mesmo sorprendente atoparnos con salas ateigadas de directores de institutos universitarios, coordinadores de programas de doutoramento, responsables de relacións internacionais e mesmo vicerreitores de investigación”, explica Suárez que tamén confirma a “entusiasta” acollida que o Campus recibiu por parte dos investigadores nos centros visitados. Centros e universidades aos que nun futuro poderían sumarse outros xa que “este país de dimensión continental precisa dun esforzo adicional”, asegura o director do Campus do Mar que apunta á necesidade de contactar coa Axencia da Investigación do estado de São Paulo e as dúas universidades de Río Grande do Sul, destinos que poderían materializarse nun futuro no que xa están confirmados visitas a organismos educativos, científicos e institucionais de China, México e Chile.