DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves no Museo do Mar

Un seminario aborda unha nova liña de investigación para a posta en valor do patrimonio e a identidade marítima

Organizado polo grupo de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/11/2008

Alén da súa importancia a nivel económico, o sector marítimo ofrece unha salientable riqueza patrimonial inmaterial que precisa ser protexida e posta en valor. Con este obxectivo o grupo de investigación de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (ERENEA) ven de poñer en funcionamento unha nova liña de traballo sobre o patrimonio cultural relacionado coa pesca. Neste marco e, ao abeiro da Cátedra Fundación Caixa Galicia, este xoves desenvolverase no Museo do Mar un seminario sobre Patrimonio marítimo, identidade e desenvolvemento, coordinado polos membros do grupo María Xosé Vázquez e Roi Durán.
Trátase así de establecer sinerxías cos diferentes actores relacionados con este campo, sentando así un foro de traballo que sirve como punto de partida para as investigacións futuras. Segundo explica a profesora María Xosé Vázquez “traballando na vertente económica da pesca démonos conta do necesario da preservación e conservación do patrimonio cultural e inmaterial do que eido dispón en Galicia”. O seminario tratará de achegar aos asistentes ao patrimonio marítimo dende un enfoque multidisciplinar analizando os riscos e ameazas pero tamén as potencialidade do mesmo. “Neste sentido detectamos moitos problemas no desenvolvemento do noso traballo investigador sobre o sector pesqueiro, non só dende o punto de vista económico, senón dende múltiples perspectivas e fai imprescindible unha posta en valor desta identidade”, explicou Vázquez.

Unha perspectiva claramente multidisciplinar

Ademais da vertente económica e ambiental que achega o grupo de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais, este seminario tenta afondar noutras perspectiva e está aberto ao público en xeral, sexa cal sexa a súa formación e actividade profesional. Acada así esta iniciativa unha vertente multidisciplinar, importante segundo os organizadores para comprender a realidade deste patrimonio.
Na xornada tomarán parte expertos das tres universidades galegas, do propio Museo do Mar, da Universidad de La Laguna, da de Las Palmas de Gran Canaria e da de Valladolid. Estes investigadores, tanto biólogos como antropólogos como economistas realizarán un posta en común de temas tan dispares como o patrimonio natural, a antropoloxía da pesca, os modelos de turismo no litoral ou a valoración económica e a conservación do patrimonio.

Un grupo cunha ampla traxectoria no estudo do sector pesqueiro

O grupo de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais foi creado no ano 2004 como fusión de dous grupos de investigación xa existentes que traballaban en economía dos recursos naturais, pesca e economía ambiental aplicada ao mundo rural e aos espazos naturais. O seu campo de traballo é amplo e comprende tres grandes áreas: Economía da pesca, Economía forestal e das areas naturais e Valoración económica de externalidades ambientais. Neste tempo, o grupo ten traballado en proxectos sobre sostibilidade da actividade pesqueira na Unión Europea, a acuicultura en Galicia, o impacto socioeconómico das medidas de regulación pesqueira na área NAFO ou os cambios no sector da pesca fresca.
A estes enfoques económico e ambiental únese agora unha nova liña de traballo centrado no patrimonio cultural e a identidade do sector pesqueiro.