DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Post-Growth Innovation Lab e aberto ao público

Un seminario afondará nos efectos da transición enerxética sobre as poboacións de Suráfrica, India e Galicia

Terá lugar este venres, ás 15.00 horas, na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/11/2023

Máis aló de contribuír á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a transición enerxética ten tamén unha serie de implicacións sociais, económicas e ambientais e uns impactos sobre as comunidades locais. Afondar nos efectos desas transformacións é o propósito central do seminario que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab promove este venres, 1 de decembro, na sede da Vicerreitoría do campus. Farao pondo o foco en tres casos concretos; os cambios que se están a producir no sector enerxético de Suráfrica, ligado historicamente ao carbón; nas experiencias de “democracia enerxética” en zonas rurais na India e nas implicacións que está a ter instalación de parques eólicos en Galicia.

“En moitas partes do mundo, as transicións enerxéticas, perseguidas en nome da mitigación climática, estanse implantando sen ter en conta á poboación local, a regulación ambiental e a biodiversidade”, explica o coordinador do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, que incide en que este “enfoque causa inxustiza sobre o control da terra e os recursos naturais”. Aberto ao público, o seminario Exploring the energy transitions in India, South Africa and Spain, poderá seguirse tamén a través de UVigo TV e insírese nas actividades do proxecto europeo Prospera, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), así como no traballo que este grupo de investigación centra en “como os avances tecnolóxicos deben aliñarse coas necesidades sociais e humanas, o que inclúe tamén a tecnoloxía enerxética”, sinala Pansera. Con ese propósito, este seminario busca conectar os traballos sobre “xustiza enerxética” desenvolvidos pola investigadora da Open University Lucy Baker no Reino Unido e en Sufráfrica, cos estudos do Observatorio Eólico de Galicia, que dirixe o catedrático da UVigo Xavier Simón, xa que, sostén Pansera, “ambos contextos mostran patróns de inxustiza e extractivismo”.

Tres casos de análise

Programado para as 15.00 horas, o seminario abrirase co relatorio que Lucy Baker centrará no caso de Suráfrica e na importancia do “complexo mineiro-enerxético” nun país que é o décimo cuarto maior emisor de gases de efecto invernadoiro do mundo e o primeiro de África. A súa intervención estará centrada en afondar como pode realizarse unha “transición xusta” nun país no que o carbón representa aproximadamente o 75% da enerxía primaria e o 80% dos gases de efecto invernadoiro. A continuación, Xavier Simón, falará dunha “transición enerxética inxusta en Galicia”, como recolle o título do seu relatorio. Director do Observatorio Eólico de Galicia e membro do Cispac (Centro Interuniversitario de Investigación das Paisaxes Culturais Atlánticas), Simón analizará en primeiro termo o concepto de “xustiza enerxética”, para logo presentar os resultados da análise realizada respecto do proceso de instalación de parques eólicos na comunidade. Por último, a idea de “democracia enerxética” e o que esta pode implicar nunha “sociedade desigual, xerárquica e con recursos limitados” como a da India serán o eixo da intervención de Aviran Sharma, do Post-Growth Innovation Lab. No seu relatorio, o investigador analizará as “oportunidades e limitacións” deste concepto tomando como punto de partida un proxecto levado a cabo por Greenpeace India na zona rural de Bihar.