DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza enmárcase un proxecto estatal coordinado polo profesor da FFT Antonio Chas

Un seminario internacional desvela os segredos da corte e da poesía de cancionero en tempos dos primeiros Trastámara de Castela

Entre hoxe e mañá xoves presentaranse 16 ponencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/06/2021

Oito universidades europeas, lideradas pola UVigo, conforman o consorcio do proxecto de investigación A poesía de cancioneiro en tempos dos primeiros Trastámara casteláns: textos, contextos, ecos e relecturas. O obxectivo, como relata o seu coordinador, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Antonio Chas é “editar e analizar a poesía creada e difundida na época dos primeiros Trastámara de Castela, é dicir, entre o último cuarto do século XIV e o primeiro do XV”. Trátase dun momento no que coincide o declive da escola galego-portuguesa e comeza a emerxer a gran poesía cortesá en castelán. Pero deste período apenas quedan testemuñas poéticas, de aí o interese dun estudo en profundidade que se realiza no marco deste proxecto dende 2019. No ecuador deste proxecto, que ten financiamento ata decembro de 2022, as universidades socias celebran entre hoxe mércores e mañá xoves un coloquio internacional, en modalidade virtual, organizado por Montserrat Ribao e Antonio Chas, docentes do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura. Trátase dunha xuntanza na que participan todos os integrantes do equipo, pertencentes a tres universidades españolas (Vigo, León e CEU), ademais dos investigadores procedentes doutras cinco universidades europeas (Lisboa, Rennes2, Údine, Verona e Northumbria). O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, recolle a testemuña dun estudo anterior e segue na senda de “editar e analizar a poesía creada e difundida na época dos primeiros Trastámara de Castela, que coincide coa súa xestación e etapa mais primitiva”.

O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, foi o encargado de darlles a benvida aos participantes e puxo en valor o traballo que realiza este grupo internacional de expertos e expertas, entre as que hai “antigas alumnas que agora xa son colegas e compañeiras en lides investigadoras”. Este encontro constitúe unha “posta ao día dos esforzos dun proxecto de investigación absolutamente consolidado que está dando uns froitos extraordinarios”. Ao longo dos dous días exporanse e debateranse os avances nas diferentes liñas de investigación que se están a desenvolver nas diferentes institucións socias, conformando así un programa con 16 ponencias.

Antonio Chas explica que este é o terceiro encontro colectivo dende que arrancou o anterior proxecto e serve para “establecer novos obxectivos e revisar os resultados obtidos ata agora, algo que nos gustaría poder ter feito en persoa”. Os eixos temáticos deste coloquio internacional distribúense en relación aos dous grandes obxectivos do proxecto de investigación, como recalca Antonio Chas. Por unha banda, a investigación en torno á análise da poesía creada na época dos primeiros Trastámara casteláns, que centrará a primeira das dúas xornada de traballo, e a relectura que desa poesía e do contexto na que se insire se fai en épocas posteriores, que se abordará na xornada de mañá xoves.

A idea de raza

Tras a inauguración tivo lugar a conferencia inaugural, “a cargo dunha investigadora de referencia no ámbito da poesía de cancionero”, Ana Gómez-Bravo, catedrática da University of Washington en Seattle”, como explicaba Chas. A súa traxectoria aglutina a investigación en eidos “nos que nos movemos os integrantes deste equipo, como son a poesía castelá tardomedieval e a poesía portuguesa medieval”. Segundo o organizador do simposio, Gómez-Bravo “transitou camiños que ata o memento estaban practicamente virxes e todos fomos pola senda que ela trazou” e referiuse, entre outros aspectos, a algúns dos seus campos de estudo, como a métrica, as rúbricas, a autoría feminina dalgúns poemas, o tratamento da comida e a alimentación na literatura medieval ou o xénero e a sexualidade. Nos últimos tempos centrouse en aspectos relacionados coa raza e a limpeza de sangue, temática que centrou a súa intervención como conferenciante inaugural deste simposio. Baixo o título Raza y racialización en el tardomedievo: en torno al Cancionero de Baena, Gómez-Bravo repasou, entre outros temas, a orixe etimolóxica da palabra raza, a conceptualización da inferioridade social e relixiosa, “unha diferenza que implica a marca de sucidade, así como a transmisibilidade do defecto, mancha ou raza”. Para analizar a orixe do concepto de raza, tomou as testemuñas do Cancionero de Baena, entre outros textos tardomedievais, porque “achega importantes testemuñas da formación da rede conceptual de raza aplicada aos ámbitos político, social e poético”. 

Tras este relatorio e ao longo da xornada de hoxe preséntanse relatorios como Autores y personajes de la Antigüedad en la poesía de Francisco Imperial; Los poetas del Cancionero de Baena y el mecenazgo literario de Catalina de Lancaster. Tras las huellas de una corte literaria e Felipa de Lancaster y su hija Isabel, entre historia y ficción. Na xornada de mañá abordaranse temas como Los dramas del rey doliente: de la escena decimonónica a la plataforma digital; Matar a la reina. Las dinámicas de poder en El rey hambriento, de Manuel Fernández y González ou Kinésica y proxémica teatral. Gestualidad y movimiento en Los cortesanos de don Juan II, de Jerónimo Morán.

Biblioteca dixital TECER

Na xornada de mañá xoves tamén se presentará o que Chas define como “un dos logros do proxecto, a biblioteca dixital TECER”. Esta nova ferramenta é froito do traballo desenvolvido no marco do proxecto nacional polos investigadores, que pescudaron “os ecos e relecturas” que se fixeron desta poesía dende finais do século XV ata a actualidade. Os estudos e edicións críticas rigorosas de tales relecturas agora conforman esta biblioteca dixital.