DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro celébrase este mércores na Facultade de Ciencias da Educación

O Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero reúne a expertas procedentes de nove universidades

Nel afóndase no libro infantil e no auxe que está a vivir o seu mercado

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/04/2018

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle este mércores a celebración da terceira edición do Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero. Dando continuidade ás citas celebradas anos atrás en Aveiro e Zaragoza, o encontro reúne a expertas de nove universidades galegas, lusas e brasileiras co obxectivo de afondar no libro infantil como artefacto e no auxe que está a vivir o seu mercado nos últimos anos.

A iniciativa, enmarcada na celebración o 23 de abril do Día do Libro, está coordinada pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño e organizada polo Grupo AI1 Literatura Infantil Angloxermana e a súa Tradución e o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial EducAcción, contando coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e da Vicerreitoría do Campus de Ourense. Lembrando o auxe que está vivindo o mercado do libro-obxecto infantil e como condiciona a forma de lectura dos máis cativos e cativas, Isabel Mociño salientou como este seminario permite ao alumnado de Ciencias da Educación abordar unha cuestión “que non aparece no currículo académico”. Así, a profesora destacou como a cita lle dá a oportunidade ás e aos futuros docentes de “coñecer liñas de traballo e obras que lles poden permitir acadar un maior aproveitamento do seu traballo futuro nas aulas”.

Do mesmo xeito, Rosa Tabernero, profesora da Universidade de Zaragoza que conta cunha dilatada traxectoria no eido do libro infantil, salientou como este seminario se presenta como unha actividade “enriquecedora e necesaria” e puxo en relevo como o carácter internacional desta edición ofrece ás persoas asistentes a oportunidade “de abrirse a outras formas de traballar”. Pola súa banda, Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, salientou na inauguración da cita como a pesar da relevancia que está a adquirir o mercado do libro-obxecto, “este tipo de obras e publicacións aínda non están a ser moi estudadas desde o eido académico” polo que destacou a pertinencia de levar a cabo iniciativas "innovadoras" como o seminario celebrado este mércores no campus ourensán.

Obras e autoras

A cita conta con participación de expertas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Zaragoza e Cádiz; das universidades lusas de Aveiro, Évora e Minho, e das brasileiras Universidade Federal de Santa Catarina e Pontificia Universidade Católica de São Paulo. Entre os temas abordados están ao longo do día de hoxe os libros-obxecto de Emma Giuliani, Manuela Bacelar, Glaucia de Souza e Marilia Pirilo; o universo femenino de Kitty Crowther e Suzy Lee; o vestiario e identidade de xénero na literatura; a desautomatización obxectual en Un jardín e Postales para un año; o Capuchinho vermelho e o ABCD de Marion Bataille, a literatura para mozos e mozas e os libros obxectivo no caso galego. O seminario tamén acolle a presentación do Proxecto Europa Creativa. Gender Identity: Child Readers and Library Collections e rematará cunha intervención de Susa Herrera sobre músicas escondidas nos libros-obxecto.

Completan a programación arredor deste seminario dous talleres celebrados este luns e mércores. O primeiro deles levou por título Libros voadores, artefactos téxtiles. Construción de libros-obxecto con material téxtil, e estivo dirixido por Olalla Cortizas e Estela Freire, da Universidade de Santiago de Compostela. O segundo dos talleres, titulado De capa a contracapa: ler un álbum, estivo dirixido por Eva Mejuto, editora, escritora e promotora cultural e coordinadora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra 2018.