DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polo profesor chileno Mario Quintanilla en Ciencias da Educación e do Deporte

Un seminario pon o foco na importancia da linguaxe na ensinanza das ciencias 

O seu propósito era promover unha reflexión sobre as súas compoñentes emocionais ou culturais 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/10/2019

“Habitualmente entendemos a linguaxe como unha estrutura organizada, semántica, pragmática, pero a linguaxe está impregnada de emocións, de cultura, de historias persoais, de maneiras de ver a realidade”. Deste xeito presentaba o profesor da Pontificia Univesidad Católica de Chile Mario Quintanilla, o eixo do seminario que este martes impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e no que buscaba “facer pensar” ao alumnado e “sensibilizalos sobre o valor que ten a linguaxe e o discurso no desenvolvemento profesional dos mestres”. 

Organizada pola profesora María Álvarez Lires, esta actividade tivo como punto de partida a pregunta sobre “como ensinar ciencias nunha sociedade dos medos”, coa que Quintanilla, presidente da Rede Latinoamericana de Investigación en Didáctica das Ciencias, buscaba precisamente levar aos e ás asistentes a unha reflexión sobre “como todo que facemos está instalado nun contexto, nun ambiente”. Neste senso, o docentepuxo de relevo como “os medos son os que dalgunha maneira van condicionando ou determinando as maneiras de interpretar o mundo a través da linguaxe”, co propósito de que as e os participantes observasen a faceta comunicativa da ensinanza non como unha “estrutura” senón como un elemento “cunha carga ideolóxica, política, filosófica e cultural” que se fai patente “mesmo na maneira de facer unha pregunta” nas aulas.

Reflexión individual e colectiva

“A linguaxe permítenos configurar a realidade, interpretar e intervir o mundo. Todo o que facemos, todo o que pensamos está mediado pola linguaxe”, engadiu Quintanilla, que buscou incidir neste aspecto trasladando ao alumnado unha serie de enunciados vinculados á ensinanza de ciencias á infancia co propósito de que reflectisen o seu grao de acordo e desacordo. Así, a actividade levou en primeiro termo a reflexionar individualmente sobre ideas como que “a metodoloxía científica permite utilizar a intuición e a imaxinación en calquera momento do proceso” ou que os nenos e nenas deben “aprender metodoloxías de investigación científicas baseadas en etapas sucesivas e xerárquicas rigorosamente planificadas”. Co obxectivo de “polemizar desde as súas lóxicas e representacións iniciais”, o seminario completouse poñendo en discusión por grupos a percepción que cada participante tiña de cada unha das afirmacións formuladas. O obxectivo, engade Quintanilla, era tanto “que debatesen os enunciados e chegasen a certos consensos” como contribuír a “reconfigurar o pensamento inicial” a partires desa interacción grupal, coa idea “de que se desen conta de que todos temos unha maneira diferente de ver o mundo”. 

Da linguaxe ás competencias dixitais da infancia

A importancia da linguaxe no proceso de ensinanza foi tamén un dos puntos de partida do proxecto de investigación AKA-EDU/03 que, baixo a coordinación de Quintanilla, desenvolveron ao longo dos últimos oito anos investigadores de universidades chilenas e finesas. Financiado pola Comisión Nacional de Investigación Científica e Tecnolóxica de Chile e a Academia das Ciencias de Finlandia, este proxecto tiña como obxecto “identificar e caracterizar as competencias dixitais” de nenos e nenas de primaria. “A principal conclusión é que os nenos utilizan o coñecemento das plataformas dixitais dunha maneira moi instrumental”, explicou o responsable de coordinar este proxecto desde o Laboratorio de Investigación en Ensino das Ciencias Grecia. Deste xeito, a segunda parte do proxecto estivo centrada no deseño de materiais “que sexan mediadores entre ese coñecemento que reciben os nenos e a forma na que finalmente terminan aprendendo”, explica Quintanilla. Esta investigación contou así mesmo coa participación de María Álvarez Lires e dos tamén investigadores da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais do grupo Cies Uxío Rodríguez e María Lorenzo, cuxas achegas están presentes en dous dos cinco libros publicados no marco deste proxecto, centrados na multiculturalidade e ensinanza das ciencias e na irrupción dixital e desenvolvemento de competencias científicas. A estas achegas sumouse así mesmo a participación de Lorenzo nos seminarios, no marco dunha estadía en Chile, que no marco desta investigación se levaron a cabo en diferentes colexios.