DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo grupo de Xenética de poboacións e citoxenética da Universidade

Un seminario sobre técnicas de secuenciación xenómica reunirá a novos investigadores de nove países

Celebrarase do 14 a o 16 de outubro na Ecimat e no campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Rio DUVI 09/09/2014

Trinta investigadores novos de nove países daranse cita en Vigo entre o 14 e o 16 de outubro para participar nun seminario internacional sobre métodos de análise xenómica a partir de novas técnicas de secuenciación. Trátase dunha actividade organizada polo grupo de Xenética de poboacións e citoxenética e financiado pola agrupación estratéxica Oceanografía-Ecimat. O profesor Armando Caballero é un dos docentes que está detrás deste Workshop on Marine Evolutionary Genomics and Proteomics, MEGP 2014. Explica que esta é a primeira vez que se celebra en Vigo e ten como obxectivo “mellorar a formación dos investigadores máis novos, aínda que o workshop está aberto a calquera”. Xa hai 30 preinscritos para ocupar outras tantas prazas ofertadas, aínda que ata o día 15 estará aberta a matrícula. Deles, hai estudantes de doutoramento, posdoutoramento e investigadores de nova países, dende España, Italia, Portugal ou Francia, ata Colombia, Inglaterra, Irlanda, EEUU, Finlandia.

Trátase dun curso práctico con varias sesións teóricas que ten como finalidade afondar sobre “métodos actuais de análise xenómica, e tamén proteómica, a partir das novas técnicas de secuenciación, en inglés Next Generation Sequencing, NGS. O interese neste tema xorde do impacto que os recentes avances na xenómica tiveron no eido da ecoloxía e a evolución. É, polo tanto, un campo emerxente que ten impacto en temas clave para bioloxía, como a base xenética de certos fenotipos, de adaptación e incluso da especiación, pero tamén os relacionados coa evolución do xenoma e a biodiversidade. Por outra banda, a gran cantidade de datos de secuenciación xerados en cada proxecto de investigación fai necesario adquirir habilidades bioinformáticas para extraer información útil, por exemplo para as análises da xenética de poboacións. Para afondar nestes temas asistirán aos simposio investigadores de prestixio “que impartirán sesións sobre técnicas de análise de secuencias de ADN para estudos de análise da estrutura xenética das poboacións, métodos de estimación de parámetros xenéticos como la taxa migratoria entre poblacións, detección da pegada da selección en procesos de especiación, etc”. Armando Caballero subliña que aínda que a aplicación está principalmente dirixida a especies mariñas, “son técnicas xerais, polo que calquera pode interesarse por elas”.

Poñentes de prestixio internacional

Entre os relatores que tomarán parte nos tres días de conferencias e obradoiros destacan investigadores da propia Universidade de Vigo como Juan Galindo e Ángel Pérez-Diz, do grupo de Xenética de poboacións e citoxenética e tamén científicos de institucións europeas e estadounidenses como Víctor Soria-Carrasco, da University of Sheffield (Reino Unido); Stevan Springer, da University of California San Diego (USA) ou Anamaria Stambuk, da University of Zagreb (Croacia). Pero Armando Caballero destaca entre os conferenciantes especialmente a Nicolas Bierne, do Institut des Sciences de l’Evolution, University of Montpellier (Francia) e Patrik Nosil, da University of Sheffield (Reino Unido).

Patrik Nosil é un investigador “de primeiro nivel no campo da especiación, con traballos moi importantes publicados en revistas como Science, Nature e PNAS”, explica Caballero, que engade que “nestes momentos parte da súa investigación está financiada por una ERC Starting Grant”. Pola súa banda, Nicolas Bierne é tamén recoñecido internacionalmente polos seus traballos no campo da especiación e zonas híbridas, a maioría deles relacionados con estudos en mexillón. De feito, este mes vén de publicado un artigo en Nature con outros colaboradores no cal, como explica Armando Caballero, “no cal o financiamento do proxecto tamén provén de ERC”.