DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias

O seminario Violencias (In)visibles afonda no maltrato simbólico contra as mulleres

Coa participación de Nikita Dhawan, María do Mar Castro, Merlinda Bobis e Nazanín Amirian

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/10/2009

A análise da violencia simbólica contra as mulleres como xerme de toda violencia física, centrou o seminario Violencias (In)visibles organizado polo Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias e que contou no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución coa participación de destacadas expertas en Ciencias Políticas, Filosofía e Literatura como son Nikita Dhawan, María do Mar Castro, Merlinda Bobis e Nazanín Amirian.
“A violencia simbólica constitúe a base ideolóxica sobre as que sustentan as prácticas culturais”, sinala Belén Martín, coordinadora do Feminario que apunta que “as representacións das mulleres e nenas determinan en grande medida a percepción social sobre o que é normal ou non”. Así no seminario analizáronse os imaxinarios colectivos de distintas culturas do mundo habida conta de que cada sociedade patriarcal ten unhas formas propias culturais de sustentar a diferenciación sexual.

Estudosas da representación das mulleres nas culturas patriarcais

Catro mulleres, todas elas inmigrantes, que viven entre linguas e culturas e coñecen de primeira man o que é vivir dun xeito transnacional e transcultural protagonizaron as palestras do seminario no que tamén se presentaron dúas obras escritas por Merlinda Bobis, The Solemn Lantern Maker e El Islam sin velo de Nazanín Amirian.
Mentres María do Castro e Nikita Dhawan centraron a súa intervención na representación das mulleres desde os marcos dos feminismos poscoloniais, Merlinda Bobis falou da súa práctica creativa como escritora e profesora de escritora creativa e do dilema sobre a representación nas súa novelas das mulleres, nenas e nenos de contextos sociais marxinais nas chabolas de Manila. “Bobis” explica Belén Martín “sostén que a literatura pode axudar a crear vínculos de decencia humana e de ética solidaria transnacional entre persoas de distintas razas, sexos, étnias e clases sociais, e bo exemplo desa ética dos afectos é o seu libro The Solemn Lantern Maker presentado na súa edición internacional como primicia”.
Outra publicación presentada tamén nas sesións foi El Islam sin velo de Nazanín Amirian, columnista do xornal Público especialista en Oriente Medio e profesora de Ciencias Políticas. Amirian analizou na súa intervención no seminario as transformacións na vida das mulleres iranianas desde a revolución da década de 1970, a instauración da teocracia islamista e a súa participación maioritaria na revolución actual.

Na procura dun efecto real na loita contra a violencia

“Seguimos inmersas nunha cultura de violencia contra as mulleres, un ideario misóxino”, asegura a coordinadora do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias e investigadora principal do proxecto Violencias invisibles que analiza o imaxinario colectivo das culturas patriarcais como fundamento principal que dá orixe á violencia de xénero. Un proxecto que Belén Martín asegura “quere dar visibilidade e por en valor as intervencións das escritoras, artistas e pensadoras feministas na cultura, tanto a cultura popular como nas artes”, para así alterar ese imaxinario e ter un efecto real e eficaz na loita contra a violencia patriarcal que segundo Martín “é sistémica e non individual”.
A publicación dun volume colectivo cos resultados do proxecto antes do verán na colección Mujeres y Culturas da editorial Icaria, é o proxecto máis inmediato no que traballan as integrantes do grupo.