DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa García, directora de Medio Ambiente para Europa de Alcoa:

"Sempre tiven claro que quería facer Enxeñaría Industrial na especialidade de Organización Industrial porque quería dirixir empresas"

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/12/2008
Con 35 anos exerce á fronte da Dirección de Medio Ambiente para Europa da multinacional Alcoa, a primeira produtora de aluminio do mundo. Pero as orixes académicas de Rosa García están vinculadas á ETS de Enxeñeiros Industriais de Vigo onde chegou en 1992 desde San Ciprián coa intención de convertese en enxeñeiro en organización industrial. Por que? “Por que quería dirixir empresas”, afirma categórica esta muller que no momento de iniciar a súa traxectoria profesional rexeitaba a idea de incorporarse a Alcoa, a empresa na que como operario traballaba e segue traballando o seu pai.
Dez anos despois de iniciar a súa traxectoria na multinacional e de desenvolver o seu traballo en Australia, China ou en países de América Latina, Rosa García insiste en destacar o “excepcional nivel que tiñamos na ETS de Enxeñeiros Industriais”, así como a obriga de dominar o inglés para calquera estudante que no futuro queira ter as portas abertas para traballar en grandes empresas multinacionais.Tal é o caso de Alcoa, unha empresa implicada tamén na oferta docente da Universidade de Vigo a través do Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible.

As súas orixes académicas están no campus de Vigo e concretamente na ETS de Enxeñeiros Industriais. Agora desde o posto que ocupa á fronte da Dirección de Medio Ambiente para Europa de Alcoa, que sentimento lle produce botar a mirada atrás?
A verdade é que recordo a miña época en Vigo con moitísimo cariño. Os anos que pasei na Universidade de Vigo foron espectaculares en moitos aspectos: marchas da casa e ves a Vigo, que está lonxísimo da miña casa por que os meus pais viven en San Ciprián que está preto de Viveiro, na costa de Lugo, e cruzar toda Galicia no ano 1992 para vir ata aquí era todo unha odisea. Entón a miña vida estaba toda en Vigo, só regresaba a casa no Nadal, na Semana Santa e no verán. Eu sempre estudei con bolsa, son dunha familia de obreiros, entón iso tamén me limitaba un pouco máis as capacidades de movemento. Pero aínda así recórdoa como unha época boísima, recordo a calidade de ensinanza na ETS de Enxeñeiros Industriais como extraordinaria, é mais, de todas as veces que tiven oportunidade de comparala con outras enxeñarías a nivel europeo e con outras escolas de enxeñaría a nivel español, síntome moi orgullosa porque podo dicir realmente que o nivel que tiñamos na Escola de Vigo, que supoño que será o mesmo agora ou mellor xa que cambiaron os tempos, foi excepcional, a min serviume moito.

Aínda que co paso do tempo a presenza de mulleres segue aumentando nas enxeñarías, que lle levou a vostede a matricularse nunha titulación que hai quince anos a porcentaxe de mulleres era bastantes escasa?
A realidade é que, a miña nai conta que dende que teño uso de razón cando alguén me preguntaba qué era o que quería ser de maior, eu sempre respondía que quería ser xefe, e miña nai sempre me apoiou, e ao mellor ven por aí a cousa. Cando lembro as discusión cos amigos sobre o que íamos estudar, eu sempre tiven claro que quería facer Enxeñaría Industrial na especialidade de organización industrial e tíñao clarísimo porque eu quería dirixir empresas. Entón parecíame a idea perfecta porque realmente é un background na área de enxeñaría básica, por que os primeiros anos son comúns, moi importante para aprender a entender as cousas básicas, para poder meterte nunha discusión con enxeñeiros e entender de que falan polo menos para non sentirte pequeno cando alguén está tratando un tema técnico. E ao mesmo tempo, a parte de organización industrial ofrecía a gama que te abre máis cara aos mercados, produtos, xestión de actividades produtivas, á parte máis económica e financeira do negocio. Parecíame o plan perfecto e vin a Vigo por iso, se Enxeñaría Industrial de Organización Industrial estivera non sei onde, intentaría ir, sempre dentro das posibilidades económicas da miña familia.

Vostede é de San Ciprián onde Alcoa ten unha planta. Pensou cando estudaba ou incluso antes que terminaría traballando nesta empresa e cun cargo das características do que desempeña neste intre?
Esta é unha historia moi curiosa porque eu vivía en San Ciprián e o meu pai traballa en Alcoa, aínda hoxe, era un operario e sígueo sendo, dunha parte da produción electrolítica, que é o corazón da empresa, e eu recordo dende pequeniña as conversacións do meu pai ao chegar a casa, a veces queixándose, entón eu tiña moi claro que eu non ía traballar nesa empresa e cando acabei a carreira, curiosamente, estiven en dúas ou tres entrevistas de traballo e a miña primeira opción era outra empresa. Nese momento eu tiña parella, o meu actual marido, e dicíame que non, que me estaba equivocando, que non me fose para esa empresa pequena: “Alcoa é unha empresa moito máis grande, vas ter moitas máis posibilidades”, dicía, pero eu non quería traballar aí, e curiosamente grazas a el decidín embarcarme en Alcoa e a verdade é que non me arrepinto en absoluto. Vai facer agora dez anos que levo nela, e fixen de todo. Tiven moita sorte de estar nese momento aí, Alcoa é unha empresa tan grande, é unha multinacional implantada nos cinco continentes, sempre, se o buscas podes atopar opcións en todas partes, entón eu despois de estar en San Ciprián eu quería coñecer a empresa, saber cal era o fondo da empresa, porque en San Ciprián levaba pouco tempo como Alcoa, entón pedín un posto de traballo por Internet na páxina de ofertas de traballo interna da empresa a Estados Unidos en Pensilvania que é onde está o corazón da empresa, e trasladeime alí e así foi como comezou a miña carreira na empresa. A miña intención era coñecer máis da empresa, que era o que facía, cales eran os seus plans e estratexias, coñecer en si o funcionamento interno da empresa. E a partir de aí todo saíu moi ben, tiven a oportunidade de traballar en auditoría interna en medio ambiente saúde e seguridade o que me permitiu acceder a moitas fábricas e viaxar un montón para traballar en Australia, Latino América, China, en toda Europa o que é moi enriquecedor.

Sen embargo vostede comezou a viaxar moito antes, cando estaba estudando na Universidade de Vigo e marchou a Irlanda cunha bolsa o que lle permitiu mellorar o seu inglés, algo fundamental para o futuro profesional, non?
É algo que lle recomendaría a calquera estudante de calquera titulación se realmente no futuro quere ter as portas abertas para traballar en grandes empresas multinacionais, o inglés é fundamental. O español ponnos en contacto con moita xente, pero o idioma dos negocios é o inglés. Eu marchei cunha bolsa Erasmus a Irlanda a estudar inglés e son a filla dunha familia obreira. Cómpre sacrificar tempo e incluso un ano da túa carreira, que tardas un ano máis en rematar os estudos, non pasa nada se aprendiches inglés.
Eu agora paso moito tempo en Bruxelas que é o corazón de todo o desenvolvemento lexislativo e o idioma, a pesar de que o francés é oficial xunto co inglés, todo pasa en inglés. Se algunha recomendación podo facer para todo o mundo é: falade inglés todos.

Aínda que cada vez semella unha práctica máis habitual, no caso de Alcoa cal é a razón que lles levou a tomar parte no Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible que se imparte na Universidade de Vigo?
Estamos aquí por que poder participar na elaboración dun máster en desenvolvemento sostible alíñase totalmente cosas nosas estratexias. Para Alcoa o desenvolvemento sostible é a peza clave da industria por que os nosos valores fundamentais son asegurar que podemos xerar valor no longo prazo para todos os nosos accionistas, empregados, as comunidades onde operamos, etc. Necesitamos excelencia ambiental e responsabilidade social por que xa non se trata de cumprir a lei ambiental por que iso é unha obriga como ser bo cidadán ou facer os deberes. Do que estamos falando é dunha posición estratéxica para asegurar que a nosa empresa segue viva no longo prazo e creando valor.
A Fundación Alcoa leva moito tempo apoiando estudos de investigación a nivel mundial con distintas organizacións. Temos un programa o Foundation's Conservation & Sustainability Fellowship Program que leva varios anos creando bolsas de dous anos para investigadores de todo o mundo a través de cinco universidades principais en México, China, Australia a London School of Economics en Europa e en EEUU. O que facemos é doar unha cantidade de cartos que van a parar a 60 alumnos, posgraduados todos, que fan investigación e desenvolvemento en áreas relacionadas co desenvolvemento sostible. Imos seguir mantendo estes programas a través da Fundación, pero Fundación Alcoa asigna tamén unha serie de recursos para que cada fábrica de Alcoa arredor do mundo poida decidir como empregar eses recursos na comunidade na que ten influencia para poder apoiar o desenvolvemento social desa comunidade.
No caso de Galicia pareceunos unha idea excelente apoiar este máster da Universidade de Vigo por que para nós é fundamental poder acceder a titulados cun coñecemento nun área que é crítica para o noso negocio. Todo isto hai que ter en conta todo o que está pasando a nivel Bruxelas que é a capital de desenvolvemento de políticas de sostenibilidade de todo o mundo, é o referente que xa non é EE.UU. Entón todo o que se está a xestionar en Europa agora mesmo, son políticas integradas. Por suposto que hai leis medioambientais, pero todo é parte dunha política máis integrada que é desenvolvemento sostible e o consumo sostible. Esas son as política europeas: aliñar a formación académica co que requiren as política europeas, é fundamental, como é para a nosa empresa aliñar a súa estratexia co que está ocorrendo na realidade.