DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Meana continuará como decano en funcións, á espera da decisión que se adopte dende a Re

Sen candidaturas para pórse ao fronte do Decanato de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 13/03/2014

Finalmente, o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Facultade de Belas Artes non votará o 25 de marzo ao seu novo decano ou decana, posto que o prazo para a presentación de candidaturas para este cargo vén de pecharse sen que ninguén se postulase para situarse á fronte da dirección do centro. Nestas circunstancias, Juan Carlos Meana continuará como decano en funcións, á espera da decisión que se adopte desde a Reitoría tralo peche oficial do procedemento electoral a vindeira semana, se ben "o máis probable" é que avogue pola continuidade en funcións do actual equipo.

Trala constitución da Xunta Electoral o pasado 19 de febreiro, o prazo de presentación de candidaturas ao Decanato mantívose aberto entre o 6 e o 12 de marzo sen que ninguén se postulase a suceder ao profesor do Departamento de Pintura á fronte desta facultade pontevedresa, onde nesta xornada se procedeu á proclamación provisional de candidaturas, neste caso ningunha. Deste xeito, dáse apertura a un prazo de presentación de reclamacións que se estenderá ata o vindeiro luns 17 e, tralo que, coa proclamación definitiva da ausencia de candidatos, se porá peche ao proceso electoral.

Aínda que xa exercía como decano en funcións desde xuño de 2010, tralo nomeamento de Ignacio Barcia como vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Juan Carlos Meana foi elixido decano en febreiro de 2011 con 38 votos a favor da Xunta de Facultade, dous en contra e un en branco. Ao longo dos tres últimos anos, este profesor do Departamento de Pintura, que xa asumira a secretaría académica do centro entre 2006 e 2010, estivo acompañado na dirección da facultade por Paloma Cabello como vicedecana de Asuntos Académicos; Fernando Suárez como vicedecano de Calidade; Silvia García como responsable de Cultura e Relacións Institucionais, e Ana María Suárez como secretaria.

A Facultade de Belas Artes conta no presente curso con máis de 800 alumnos e alumnas e, ademais do grao en Belas Artes, nela impártense tamén os mestrados en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. Así mesmo, neste centro tamén se desenvolven os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), titulación propia da Universidade.