DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle a inauguración da exposición ‘Cuando el viento’ da artista Inge Álvarez

Sen vocación de permanencia

Na mostra toman protagonismo as maquetas confeccionadas con madeira reciclada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 28/09/2012

O mundo está en continuo cambio polo que buscamos espazos nos que refuxiarnos. A nova exposición coa que a Sala X inaugura o novo curso, Cuando el viento, rende homenaxe a eses lugares que protexen ao ser humano “dunha vocación nómada”, apuntou Inge Álvarez, artista que expón nesta mostra individual. O tema central é a arquitectura, pero como un modo de dar corpo ao espazo e “dende a arte unha forma de afrontar o tema é facelo a través das maquetas”, explicou Álvarez, de aí que as miniaturas como mecanismo de evasión tomen o protagonismo desta nova exposición que se inaugurou este xoves da man da propia artista acompañada do decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, da comisaria da Sala X, Mar Caldas e de Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus pontevedrés. "É un orgullo acoller unha exposición dunha alumna das primeiras promocións do centro e que agora tamén achega a súa sabedoría como docente", salientou o decano.

Para a artista, a maqueta é unha construción fráxil, efémera, ideal e de escala reducida que a converte nun “perfecto” aliado. “É unha mediación entre a idea e a construción real cargada de moitas posibilidades”, sinalou Inge Álvarez, definíndoa como un proxecto que mantén vivo o proceso creativo e a reflexión do creador. En definitiva, unha mestura entre utopía e realidade, “unha miniaturización dun mundo no que ademais da realidade ten que estar presente a esperanza”, engadiu. Para as súas maquetas, Álvarez botou man de madeira reciclada, rescatada da rúa, como caixas de froitas. “Algunhas pezas son fráxiles e inestables e outras todo o contrario”, comentou a artista, ás que dedicou anos de traballo para a súa creación, con detalles e complementos feito completamente a man. "Estamos ante unha exposición de lenta lectura, froito do esforzo e tempo que lle levou á artista desenvolvela", indicou o decano.

O vento cambia as cousas de lugar

Ao longo da súa obra, a creadora reflicte os cambios permanentes e continuos que sofren as cidades construídas, “antigos centros convértense en periferias con novos arredores desertizados”. Cuestiónase a vocación de permanencia “pois as cidades parecen moverse dentro de elas mesmas, sempre é a mesma pero cada día algo desaparece para reaparecer noutro espazo”. Neste cambio de lugar xoga un papel transcendental o vento “que se leva as cousas para sempre ou as cambia de sitio e con nós fai o mesmo”. O ser humano de hoxe en día ten a agonía constante de buscar novos espazos vivindo nun proceso continuo de adaptación “o que nos leva a sentirnos confusos ante unha paisaxe urbana que está a cambiar continuamente”. Cando o vento se canse de viaxar, “traeranos novos soños, seguridades, amores”, conclúe a artista.

Esta exposición individual de Inge Álvarez poderase visitar na Sala X ata o vindeiro 9 de novembro de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas.