DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado e docentes da Facultade de Historia realizaron este xoves unha visita de estudo ao arquipél

De sendeirismo polas Illas Cíes para descubrir o seu rico patrimonio

A actividade permitiu aos participantes coñecer en persoa como funciona un parque natural

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/05/2013

Alumnado e docentes da Facultade de Historia do campus de Ourense mudaron este xoves o traballo nas aulas por un escenario moi diferente, o das Illas Cíes. Durante todo o día, unha trintena de participantes percorreron a zona guiados por especialistas para coñecer de primeira man o seu rico patrimonio natural e cultural. Foi tamén unha oportunidade para achegarse ás características dun parque natural e para ver como se xestiona a divulgación dos tesouros que contén un lugar que foi destacado polo diario The Guardian por ter "a mellor praia do mundo".

A ruta estivo coordinada por Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Susana Reboreda, vicedecana do centro. A guía, o acompañamento en ruta e as paradas interpretativas correron a cargo do ambientólogo Raúl Fernández, de Bilurico Medio Ambiente, e do arqueólogo Martiño Xosé Vázquez. “Esta visita de estudios é unha actividade formativa transversal da facultade que ten como finalidade achegar aos participantes, mediante a práctica dunha actividade de lecer como é o sendeirismo, o rico patrimonio natural e cultural asociado a este arquipélago, que forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, un dos catorce parques naturais declarados que hai no estado”, apuntou Beatriz Comendador. A actividade, explicaron os seus promotores, tamén tivo como obxectivo axudar a mellorar o recoñecemento presente e apoiar a conservación futura deste enclave, coa idea de que coñecer de primeira man o patrimonio é o mellor xeito de concienciar ás persoas da súa valía e da necesidade de protexelo.

Durante o percorrido polas Illas Cíes e a pesar do mal tempo, os participantes puideron descrubrir o seu complexo dunar e observar algunhas das súas especies protexidas, como o carrasco bravo e a camariña. Tamén se achegaron ao antigo queimador da illa e tiveron a oportunidade de ver a ampla panorámica da contorna, ao tempo que comprobaron a adaptación da flora insular aos fortes ventos procedentes do mar. Ao longo do traxecto, tiveron a ocasión de ver a paisaxe desde diferentes puntos da zona e descifrar a información que agocha sobre a evolución dese lugar, ademais de ir observando as diferentes especies vexetais e animais que poboan os diversos espazos do arquipélago.