DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 17 celebrarase a última andaina universitaria deste ano

Sendeirismo, micoloxía, patrimonio e un magosto para despedir as rutas culturais

Aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 12/12/2022

As rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, rematan este sábado, 17 de decembro, a súa programación deste cuadrimestre e tamén de 2022. A andaina leva por nome Sicenata Pacata. Ruta do Castelo de Parada e desenvolverase polo Concello de Pereiro de Aguiar, en Ourense. A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.

Cunha dificultade media e 19 quilómetros, as e os participantes realizarán o percorrido Parada, San Salvador, Espiñedo e Loñoá. Segundo explica o seu coordinador desde o campus de Ourense, José García-Calvo Willy, o roteiro abranguerá a coñecida como Ruta Sicenata Pacata, que toma o seu nome dunha inscrición atopada nun afloramento granítico da zona, e tamén parte da Ruta dos Muíños do Río Loña. O percorrido terá dúas partes diferenciadas, cos oito primeiros quilómetros de ascenso, cunha dificultade media ou media-alta dado o desnivel que deberán superar as e os participantes, e cos oito seguintes suaves.

Desde a organización da andaina destacan a beleza da paisaxe tanto de montaña media como de río, con carballeiras, soutos, muíños e boas vistas, que poderán gozar as e os participantes nesta última ruta cultural de 2022. Tamén subliñan que o peche da actividade terá lugar cun tradicional magosto ourensán na área recreativa de Loñoá e cun sorteo de agasallos. Esta será a cuarta andaina deste curso académico 2022/2023, xunto ás anteriores do Cabo Udra (Bueu), Viana do Castelo (Portugal), e Larouco (Ourense). A organización agarda repetir nesta ocasión a participación dos anteriores roteiros, con arredor de 90 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.  

Inscrición

A inscrición realízase a través do Campus Activo da UVigo, estando aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. Os prezos oscilan en función do colectivo de pertenza de cada persoa, habendo ademais a posibilidade de bonos. Para cada roteiro haberá autobuses que trasladen ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo (Vigo, Pontevedra e Ourense) ao inicio do percorrido e de regreso. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria, no blog destes roteiros universitarios.