DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes serán os protagonistas do blog

Senduvida, un espazo para o intercambio de información e opinión na Universidade

Noticias, Eventos e Forum, son algunhas das seccións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI DUVI 03/03/2008
Vigo
A Universidade de Vigo estrea na rede un espazo destinado ao intercambio de información e opinión entre os seus usuarios: os estudantes. Senduvida é un blog no que os alumnos, aínda que tamén os restantes integrantes da comunidade universitaria, poderán atopar información de utilidade e intercambiar opinións sobre os máis variados asuntos.
Ao abeiro do Gabinete de Prensa, Senduvida estrutúrase en seccións nas que teñen cabida desde as noticias xerais que se desenvolven en calquera dos tres campus (Noticias), as actividades musicais e culturais que teñen lugar na Universidade e fóra dela (Festicultura), así como iniciativas de distinto caracter (Eventos). Pola súa banda, Participa! é unha sección destinada a recoller as achegas dos usuarios do blog, como críticas musicais ou cinematográficas, recomendacións literarias ou crónicas da asistencia a algún acto.
Para o desenvolvemento técnico do Senduvida utilízase Wordpress, unha das ferramentas de publicación web máis estendidas da rede que ademais pon a disposición libremente o seu software para poder instalalo nun servidor, neste caso no da Universidade. Pola súa banda o Forum que en breve será incorporado, desenvolveuse baixo a plataforma php 3 que ao igual que o Wordpress mantén a filosofía xeral da rede e do software libre: crear e compartir.
Coa posta en funcionamento de Senduvida a Vicerreitoría de Relacións Institucionais dá resposta á crecente demanda do alumnado da Universidade de Vigo de contar cunha canle de intercambio de información e opinión, desenvolvido cun deseño e nunha linguaxe próximos aos estudantes que vertebrarán o blog.

Información práctica para usuarios

Ao blog accédese a través da web: www.senduvida.uvigo.es que mostrará a páxina de inicio desde a que é posible dirixirse a todas as seccións que compoñen a bitácora e que aparecen recollidas na parte inferior do banner. Por orde cronolóxica a parte central do blog recompila os artigos de produción propia e achegas dos usuarios que así mesmo aparecerán recollidos nas diferentes seccións: Noticias, Festicultura, Eventos e Participa!.
A vocación participativa de Senduvida ponse de manifesto, por unha banda, na existencia da sección Participa! na que se recollen as achegas que os usuarios fan chegar a través do enderezo senduvida@uvigo.es, e pola outra no Forum que que a súa vez incluirán outras categorías. Así mesmo os usuarios poden trasladar comentarios a todos os texto publicados, con tan so premer sobre a correspondente icona que inclúe cada noticia.
Na parte gráfica as máis das novas do Senduvida acompañaranse de fotografías que se engaden a un deseño e a unha cabeceira propias, autoría da Área de Imaxe da Universidade de Vigo.

Baseado no software libre

Para o desenvolvemento técnico do Senduvida utilízase Wordpress , unha das ferramentas de publicación web máis estendidas na rede que ademais pon a disposición libremente o seu software para poder instalalo nun servidor, neste caso o da Universidade.
Senduvida pretende ser non só un espazo de información orientada aos alumnos se non tamén unha plataforma de intercambio de información e opinión. Por iso tamén optouse polo Wordpress xa que permite xerir comentarios dun xeito case automático. Pola súa banda e coa finalidade de favorecer a participación, os foros desenvolvéronse baixo a plataforma phbBB 3 que ao igual que Wordpress personaliza a filosofía xeral da rede e do software libre de: crear e compartir.