DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual organizou este certame para despedirse da carreira

"A señora Carmen", gran vencedora da I Mostra Audiovisual de CCSS e da Comunicación

Os estudantes crearon os premios Oswi en honor ao profesor Oswaldo García

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 03/06/2010

Alfombra vermella, expectación pola presenza de actores e actrices, xurado profesional, focos de cores... o salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación amosou hoxe todos os elementos dunha auténtica gala cinematográfica para acoller a I Mostra Audiovisual organizada por estudantes de 4º da Licenciatura en Comunicación Audiovisual. Logo de facer o seu último exame, decidiron reunir as curtametraxes e os videoclips que realizaron neste curso, en total oito proxectos diferentes, e facer unha presentación pública para despedir “por todo o alto” a carreira.
Se Hollywood entrega Óscars, a Academia do Cine español Goyas, San Sebastián Cunchas, Cannes Palmas e o Cans galego, no Porriño, Cans de Pedra, os estudantes de Comunicación Audiovisual entregaron Oswis, en honor ao profesor que imparte a materia de Produción e Realización de Ficción en Cinema e Televisión, Oswaldo García Crespo. Un xurado conformado polos profesores Carlos Soutelo, Beatriz Legerén, Paulino Pérez, Juan Manuel Corbacho, Mónica Valderrama e Jorge Lens escolleu os mellores traballos en 11 categorías diferentes.
O premio Oswi á mellor curtametraxe foi para A señora Carmen, a gran vencedora da gala ao sumar outras cinco estatuíñas: mellor dirección artística, mellor dirección para Marcos García e Alexander Martín, mellor banda sonora para Eladio Vega, mellor produción para Alicia Díaz e mellor actriz para Fely Manzano. David Perdomo levou o Oswi ao mellor intérprete masculino pola súa intervención en You Know, que foi tamén segundo o xurado o mellor videoclip do curso. No apartado de montaxe o galardón recaeu na curtametraxe Lo que mal empieza; o de mellor fotografía foi para Alba Sotelo por Algunhas veces Amalia; e o equipo da ficción Ego recolleu o de mellor guión.

Homenaxe ao profesor Oswaldo García

Por decisión unánime do alumnado entregóuselle o primeiro Oswi de Honra a quen consideraron que máis o merecía, o profesor que lle dá o nome ao premio, Oswaldo García. “Pola súa fortaleza e constancia, polo seu coñecemento da narratividade e porque nos vai aprobar a todos”, esas foron as principais motivacións que levaron aos estudantes a esta escolla para inaugurar o galardón. Ante esta homenaxe o profesor amosou a súa emoción, desexoulles sorte aos seus alumnos e alumnas para a nova etapa que comezan e animounos a gozar do verán despois do esforzo realizado. Así mesmo, anuncioulles que o centro editará copias dos videoclips para que poidan movelas por festivais e facilitaralles a colaboración con compositores profesionais para que poidan completar o proceso creativo das súas curtametraxes.
Esta I Mostra Audiovisual constatou así que o alumnado de Comunicación Audiovisual é competente e creativo abondo para inserirse no mercado laboral.