DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A MITEU celebrarase do 1 ao 15 de abril en diferentes espazos da cidade de Ourense

Señoras e señores, benvidos á Mostra de Teatro Universitario

Será a súa edición máis internacional, con actuacións como a de Leo Bassi

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 22/03/2011
Internacional e multidisciplinar. Así se presenta a XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, que levanta o pano o día 1 de abril e que durante 15 días converterá a esta cidade no escenario do mellor teatro. Haberá compañías universitarias pero tamén profesionais, grupos estatais pero tamén foráneos, teatro pero tamén formación, música, documentais, premios e conversas. A MITEU deste ano aspira, a pesares da crise, a seguir consolidándose como unha mostra de referencia grazas a un amplo programa de actividades que transformará, ata o vindeiro 15 de abril, a Ourense nunha cidade de teatro.

Durante a presentación este martes desta edición da MITEU, o seu director, Fernando Dacosta, salientaba a importancia desta cita “como foco cultural de referencia teatral” e poñía en cifras a gran festa do cultura que será a mostra. “Teremos 24 grupos de teatro, 9 deles estranxeiros procedentes de 7 países, 3 documentais, un concerto, dúas exposicións, unha charla, accións de rúa e moito máis” destacaba Dacosta. Para o director, o carácter internacional e multidisciplinar desta edición son as maiores bazas para conseguir atraer unha vez máis ao público ourensán ás salas do Teatro Principal, do Auditorio, do campus, do CineBox e doutros espazos da cidade que acollerán a programación deste ano.

Compromiso coa cultura

María Lameiras, vicerreitora do campus, quixo destacar o compromiso da Universidade con esta programación, que, salientou converterá “a Ourense no epicentro do teatro universitario durante 15 intensos días”. Un sentimento compartido pola concelleira de Cultura do Concello, Isabel Pérez, para quen esta cita transformará Ourense “nunha cidade de teatro, sendo recoñecida e coñecida polo traballo que aquí se desenvolve”.

Como en tempos de crise un dos primeiro ámbitos onde se recorta orzamento é no cultural, o presidente da Agadic, Juan Carlos Fasero, quixo salientar o éxito que supón a realización desta edición da MITEU e quixo dar os seus parabéns ás entidades participantes por sacar adiante esta iniciativa “nun ano singular” polas súas dificultades económicas. Uns parabén compartidos pola xerente do Teatro Principal, Olga Mojón, quen amosou a súa satisfacción por participar “neste proxecto conxunto onde os protagonistas son os cidadáns”.

O teatro... Onde?

Precisamente aos cidadáns está dirixida unha programación que comezará o día 1 de abril coa representación das obras O teatro... Onde?, do Grupo Rosaura da Aula de Teatro Universitario de Ourense; Non hai dous sen tres, do grupo francés Les Triples Croches, e cunha intervención de danza de diferentes grupos. A partir dese día sucederanse actuacións de grupos das tres universidades galegas e de Madrid, Navarra, Zaragoza, Italia, Portugal e Marrocos. O teatro profesional estará representado polas compañías galegas Teatro de Adro, Elefante Elegante, polos andaluces Ymedioteatro e polos internacionais Le Triples Croches (Francias), Leo Bassi (EEUU-Italia), Wollny (Alemaña), DNA Works (EEUU) e Soltis Lajos Színhaz (Hungría).

Os prezos, entre 2 e 5 euros dependendo do colectivo ao que se pertenza. “Se unha persoa fose a todas as representacións da MITEU gastaría uns 70 euros, o prezo dunha entrada para un partido de fútbol dos fortes”, salientaba o director da mostra, que quixo animar a todos os ourensáns a achegarse ao teatro nunha cita tan importante coa cultura e coa cidade como é a MITEU.