DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Falecido de maneira repentina o pasado mes de agosto

Sentido minuto de silencio nos campus de Vigo e Ourense en memoria do profesor Fernando Isasi

Docente e investigador da EE de Telecomunicación e de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/09/2023

Este luns, coincidindo co regreso ás aulas do alumnado, as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, no campus de Vigo, e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no de Ourense, gardaron un sentido minuto de silencio en memoria do profesor e investigador  Fernando Isasi, falecido de maneira repentina o pasado mes de agosto cando as instalacións universitarias estaban pechadas debido ao parón estival. Alumnado e profesorado reuníronse nas entradas de ambos edificios para render unha sentida homenaxe a quen foi un extraordinario docente, compañeiro e amigo.

“É difícil expresar con palabras o que sentimos e o que significou para nós coñecer a Fernando e compartir con el tantas cousas como compañeiro, docente e investigador. Fernando era ante todo un bo amigo”, subliñou a profesora Mónica Fernández Barciela, compañeira do grupo de Dispositivos de Alta Frecuencia, que foi a encargada de ler un breve texto tras o minuto de silencio, ao que seguiu o aplauso das numerosas persoas que asistiron ao acto, entre eles, a súa familia, o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago e a directa da escola Rebeca Díaz. Como compañeiro, lembrou Fernández Barciela, era “afable, optimista, xeneroso e sabio”; como docente, “as mensaxes de agarimo dos seus alumnos dino todo, ademais da súa continúa preocupación por facilitar o máis posible a súa aprendizaxe e coñecementos, e mellorar os plans de estudo”; como profesional, “non hai máis que ver os moitos proxectos de I+D que dirixiu ou nos que colaborou con éxito, as súas publicacións, patentes, etc”.

“Pegada imborrable”, tamén no campus de Ourense

A súa paixón pola ensinanza e o seu compromiso coa excelencia académica lembráronse tamén na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo onde “deixou unha pegada imborrable”. Coa asistencia do vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez Rajo, o minuto de silencio levouse a cabo fronte ao edificio Politécnico. “Durante moitos anos desempeñou un papel fundamental na nosa escola,  sendo non só un destacado académico e experto no campo das telecomunicacións, senón tamén un profesor amable, xeneroso e dedicado á formación das futuras xeracións de enxeñeiros aeroespaciais”, destacaron desde a dirección do centro.

Subliñouse de maneira especial que o profesor Isasi contribuíu moi significativamente ao crecemento e á reputación deste centro e que o seu legado perdurará a través das súas investigacións, as súas publicacións e, sobre todo, na influencia que tivo nas e nos seus estudantes. “Sempre recordaremos a súa contribución profesional, así como a súa calor humana, a súa responsabilidade no traballo e a súa capacidade para inspirar a outros. A súa ausencia será profundamente sentida, pero a súa memoria e o seu legado perdurarán nos nosos corazóns e mentes. Sempre será recordado e botado de menos na nosa comunidade”, sinalouse. Lamentando a súa perda, o centro quixo trasladar as súas “máis sinceras condolencias á súa familia e amigos, así como aos seus colegas e aos estudantes que compartiron o seu camiño e estendemos o noso máis sentido pésame e o noso apoio a todos os afectados por esta perda”. 

Longa e exitosa traxectoria académica e investigadora

Enxeñeiro de telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid (1990), e doutor pola de Vigo (1998), Fernando Isasi incorporouse á UVigo como profesor asociado a tempo completo no 1993, impartindo docencia na ETSI de Telecomunicación. Os seus primeiros traballos docentes e de investigación realizáronse no ámbito da telefonía móbil e foi a esta temática á que dedicou a súa tese de doutoramento, sendo tamén desta época as súas primeiras colaboración en publicacións científicas internacionais.

Continuando no ámbito da telefonía e das comunicación sen fíos, participou no deseño e probas do primeiro dispositivo anti-móbiles desenvolto na Universidade de Vigo en 1999. No ano 2000 opositou a profesor titular obtendo a praza por unanimidade do tribunal e, a partires de aí, dedicou o seu labor docente e investigador ao mundo da electrónica de comunicacións, especializándose no deseño de transceptores de comunicación para distintos sistemas e bandas de frecuencia. Entre outros temas de interese, participou no proxecto do primeiro satélite galego, e primeiro satélite español do tipo Cubesat, Xatcobeo, que culminou co seu lanzamento e posta en órbita en 2012.

Subdirector do grupo de Dispositivos de Alta Frecuencia, nos últimos anos impartiu materias de grao e mestrado no ámbito da Enxeñaría de Telecomunicación e implícase activamente na actualización das titulacións. Tamén participo una creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, onde impartía a materia Enxeñaría de sistemas e comunicación aeroespaciais. En paralelo, continuou a súa actividade investigadora implicado en numerosos proxectos, tanto de ámbito nacional como internacional, e mantendo unha estreita relación co mundo empresarial colaborando en acción de desenvolvemento e transferencia de tecnoloxía que se materializaron en múltiples contratos e patentes.