DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa de actividades arranca a última fin de semana do mes de setembro

Para sentirse como peixe na auga, Augaventura

Con clases de flyboard, paddlesurf, rafting, kaiak e snorkel, surf, wakeboard e windsurf

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 21/09/2017

Que remate o verán non supón necesariamente que ríos e rías deixen de ser lugares de diversión. A edición de outono do programa Augaventura Campus Mar Life está pensado xustamente para que a comunidade universitaria poida practicar deportes acuáticos durante as fins de semana do primeiro cuadrimestre. As opcións comprenden surf, rafting, wakeboard, flyboard, windsurf, paddlesurf ou rutas combinadas de kaiak, andaina e snorkel.

Na pasada edición de outono participaron 95 persoas nas diferentes actividades, que están abertas tanto ao alumnado, persoal docente e investigador e de administración e servizos como a toda aquelas persoas que traballen nas institucións que forman parte da agrupación de I+D do Campus do Mar.

O día 29 arranca o programa con descenso de rápidos

A programación arranca o venres 29 de setembro co descenso de rápidos, unha actividade organizada en colaboración con Arrepións no río Miño ao seu paso por Arbo. O venres 6 de outubro desenvolverase outra sesión no mesmo lugar. O prezo é de 15 euros, sendo de 10 euros para o voluntariado do Campus do Mar e as persoas que conten co abono Muver.
Nesa mesma fin de semana, pero xa o sábado 30, teñen lugar as primeiras sesións de flyboard e paddlesurf. No primeiro caso, o lugar elixido é o Club Náutico de Raxó, e para o segundo grupo que terá lugar o sábado 7 de outubro será no Liceo Marítimo de Bouzas, en ambos casos coa colaboración de Tierra y Mar. O prezo xeral é de 18 euros e o reducido de 12€. No caso do paddlesurf tamén haberá dúas localizacións: o grupo do 30 de setembro na praia viguesa do Vao e o do 14 de outubro no río Lérez en Pontevedra. A actividade, coorganizada por Marexada, ten un prezo xeral de 15 euros e reducido de 10€. Tamén nesa mesma fin de semana, o domingo 1 de outubro, terá lugar o primeiro bautismo de surf, que se repetirá o domingo 8. Os prezos varían entre os 5 e os 3 euros e desenvolverase en colaboración con Prado Surf Escola na praia de Patos en Nigrán.

A única actividade que se desenvolve entre semana é a sesión única de windsurf, que se desenvolverá no Liceo Marítimo de Bouzas o 3 de outubro en colaboración con Tierra y Mar cun prezo entre 10 e 7 euros. Tamén terá unha única data o roteiro combinado de kaiak, andaina e snorkel dende Cesantes ata a illa de San Simón. A empresa Marexada proporciona o material e o prezo varía entre 10 e 7 euros. O programa péchase con dúas sesións de wakeboard, os días 8 e 15 de outubro, na primeira data no porto deportivo de Moaña e na segunda no Liceo Marítimo de Bouzas. En ambos casos a actividade está organizada en colaboración con Tierra y Mar cun prezo xeral de 10 euros para a comunidade universitaria e un reducido de 7€ para voluntarios e aboados.