DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúa na Casa das Campás o "Seminario Luís Seoane, artista"

Seoane e a integración da arte na sociedade

Conmemora o centenario do seu nacemento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 21/05/2010

A Casa das Campás acolle estes días o Seminario Luís Seoane, Artista, coordinado polo profesor Alberto Ruíz de Samaniego e no que diferentes especialistas analizan en profundidade a dimensión e significado da obra de Luís Seoane a partir de diferentes formulacións estéticas e ideolóxicas. Este encontro conmemora o centenario do nacemento do intelectual galego-arxentino de xeito paralelo ao Congreso Internacional Luís Seoane. Galicia-Arxentina, unha dobre cidadanía, organizado pola Fundación Luís Seoane e o Consello da Cultura Galega, e que tivo lugar en abril. O seu principal obxectivo é reflexionar sobre o peso específico de Seoane na Historia da Arte, en particular a galega, e sobre a súa inserción nas principais correntes artísticas do século XX. Para isto abriu o programa de hoxe o profesor, comisario e investigador Fernando Martínez Vilanova, cun relatorio titulado A arte de Seoane no laboratorio industrial, no que destacou o empeño do artista por achegar a arte á sociedade. Pola súa parte, Ruíz de Samaniego, salientou “a necesidade de aquilatar toda a produción creativa de Seoane”.

Compromiso coa arte e coa sociedade

“Luís Seoane tiña un compromiso coa arte cun sentido diferente e novo, coa prioridade de impulsar a súa integración na sociedade e tamén de situar a arte galega no contexto moderno”, afirmou o profesor Martínez Vilanova ao comezo da súa intervención. Asegurou que esa inquedanza xa naceu para o artista no Santiago prebélico, antes de marchar a Bos Aires. Apuntou tamén que “o seu don como comunicador” axudoulle a fomentar ese utilitarismo da arte e a facer un intenso traballo de divulgación cultural. Neste sentido citou unha morea de iniciativas que inspiraron a Seoane, desde as Misións Pedagóxicas que chegaron a Galicia da man de Rafael Dieste, Lorca ou Cernuda, ata as revistas Forma e Alfar, a figura de Vicente Viqueira ou diferentes movementos sindicalistas e, xa máis adiante, as editoriais Nova e Botella al Mar e o propio proxecto Sargadelos.
Deseguido fixo un repaso pola obra de Luís Seoane, centrándose no seu traballo gráfico e no muralismo, dos que manifestou que considera “moito mais importantes que a súa obra de cabalete”. Resumiu o seu ideario creativo nos seguintes aspectos: “rexeitamento da separación de arte e artesanía, integración do utilitarismo na arte, influencia do construtivismo e da bauhaus, experimentación cromática e, en definitiva, integración da arte na sociedade”. Así mesmo, quixo salientar a capacidade de Seoane para cambiar de formato, técnica e material “sen sufrir grandes eivas”.

Unha estética para a Galicia do século XX

A segunda e última xornada do Seminario Luís Seoane, artista prolongarase ata as 18.00 horas de este venres. O crítico e comisario Carlos L. Bernárdez pronunciará un relatorio titulado Outro idioma galego, no que revisará a pegada de Seoane na cultura galega actual. O peche correrá a cargo de Antón Castro, profesor de Historia da Arte da Universidade de Vigo, crítico e comisario, cun relatorio titulado Luís Seoane entre o románico e o atlántico: unha estética para a Galicia do século XX.