DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Edítanse as conferencias das 'VII Xornadas Sociedade e Dereito'

A separación real da Igrexa e o Estado, unha cuestión aínda pendente

Expertos multidisciplinares analizan nesta obra as relación entre as dúas institucións

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 05/05/2011
Pola súa cohabitación ou pola súa separación, a Igrexa e o Estado sempre tiveron unha relación marcada pola súa intensidade. Nun país aconfesional desde 1978 como é España puidérase pensar a priori que os límites entre os dous poderes xa están perfectamente delimitados. Sen embargo non é así. Os expertos en Dereito consideran que é necesario avanzar aínda máis na súa separación, tal e como se plasma na publicación Relacións Igrexa-Estado na España contemporánea. Nela, expertos de diferentes disciplinas achegan unha visión crítica e con rigor dun tema que 32 anos despois aínda non está totalmente pechado.

O libro, que recolle as conferencias das VII Xornadas Sociedade e Dereito celebradas na Facultade de Dereito en 2009, foi presentado este xoves no campus ourensán. O seu coordinador, José Agustín González-Ares, salientou que a obra realiza unha análise da problemática das relacións entre as distintas confesións, en especial da Igrexa católica, e o Estado español, desde unha perspectiva multidisciplinar, histórica, filosófica e xurídica. “Trátase dun exame con rigor e espírito crítico daqueles aspectos que constitúen os motivos de controversia neste tema” explicou.

Durante o acto de presentación da publicación, María Lameiras, vicerreitora do campus, fixo fincapé na importancia dos contidos abordados por esta obra e na necesidade de que os “máis novos deixen de estar alleos a esta problemática e reflexionen e debatan sobre o papel da Igrexa nun estado aconfesional coma o que estamos, onde a histórica inxerencia da Igrexa nos asuntos do Estado xa non é posible”.

Contradicións constitucionais

González-Ares salientou que a cuestión relixiosa foi un problema constante en todos os textos constitucionais durante os séculos XIX e XX. Deste xeito explicou que artigo 16.3 da Constitución de 1978, lonxe do principio de laicidade militante do Estado da Segunda República, cae nunha “tremenda contradición” ao recoller por un lado que “ningunha confesión terá carácter estatal” e por outro que “os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións”.

Ante estas contradición, o profesor advertiu que aínda “hai que profundar máis na separación efectiva e real entre Igrexa e Estado”. Para contribuír a esta reflexión a publicación recolle as achegas de destacados expertos de diferentes disciplinas, como son Luis Míguez, Enrique Bande, Ignacio Caseiro, Ángela Coello, José Luís Espinosa, Jorge Fernández, Cristina Ferreiro, Alberto Fidalgo, Miguel Ángel González, José Agustín González, Julio Prada e Alberto Vaquero.

Un dos profesores participantes nas xornadas, Alberto Vaquero, que colaborou tamén na edición da obra, quixo precisamente salientar o valor desta publicación pola súa abordaxe multidisciplinar. “O éxito destas xornadas, que se plasma agora na publicación das súas conferencias, é que están abertas non só aos profesionais do Dereito senón tamén á xente de educación, do ámbito empresarial e doutras disciplinas” destacou.

Por último, o coordinador da publicación quixo agradecer especialmente a colaboración nesta iniciativa da Asociación Galega de Estudos Xurídicos, que editou a obra; da Deputación Provincial de Ourense, que a imprimiu, e de todos os asistentes e relatores das xornadas.