DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cefalópodo non supera os 50 mm de longo e esténdese dende Noruega ata o norte de África

A Sepiola atlántica, unha gran descoñecida das nosas rías

A tese de doutoramento de Marcelo Rodrigues desvela algún dos segredos dunha especie pouco estudada

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/11/2012

Irmá pequena e descoñecida de chocos, polbos e luras, a Sepiola atlántica é un dos cefalópodos que habita nas costas galegas. Cun máximo de 50mm de lonxitude, este tipo de sepiola non se comercializa e non existen moitos estudos sobre os seus hábitos de reprodución, alimenticios, de enterramento ou de defensa e ataque. Este foi o motivo polo que Marcelo Rodrigues decidiu centrar a súa tese de doutoramento na análise deste cefalópodo que habita nas augas atlánticas dende Noruega e Islandia ata o norte de África. Segundo explica, “os traballos previos sobre este animal son moi escasos e presentan numerosas lagoas sobre a bioloxía e a ecoloxía”. A investigación de Rodrigues trata de encher este baleiro con datos sobre unha especie relativamente pequena, para o que orientou o seu traballo cara dúas direccións, por unha banda afondar nas técnicas de mantemento e cultivo e, por outra, o control e análise da poboación de sepiola atlántica das zonas submareais da ría de Vigo.

Máis coñecemento e resultados inesperados

Sobre o primeiro aspecto, Rodrígues puido coñecer “aspectos substanciais da estratexia reprodutiva da especie, básicos para a comprensión de aspectos da súa estrutura poboacional na natureza e as compensacións ecolóxicas nas primeiras etapas do desenvolvemento ontoxenético”. Esta perspectiva proporcionoulle tamén información sobre aspectos etolóxicos relevantes da especie, importantes para comprender “cales son os mecanismos de defensa ante un depredador ou as súas estratexias de caza”.

A segunda dirección de traballo centrouse nun estudo da poboación de Sepiola atlántica en dúas zonas submareais da ría de Vigo, “co obxecto de verificar flutuacións estacionais na súa abundancia, determinar a época de recrutamento na natureza e coñecer aspectos da súa demografía”. Rodrígues realizou un traballo de morfoloxía funcional comparada dentro da clase cefalópoda e estudos para amosar as relacións filoxenéticas entre familias en base a este carácter”. Desta parte do estudo centrada na reprodución despréndese un descubrimento inesperado. Este resultado está relacionado coa bioloxía funcional da especie e confirma que posúe un "espermatozoide con dous flaxelos, algo excepcional entre os cefalópodos, sendo este o primeiro estudo deste tipo realizado neste tipo moluscos”.

Un estudo de referencia internacional

O seu traballo deu lugar a seis artigos científicos publicados en revistas referenciadas no Science Citation Index, un capitulo dun libro e 12 presentacións en congresos nacionais e internacionais. Nestas publicacións plásmanse os resultados, que se converten agora “de referencia imprescindible para os estudos desta especie, que ata a actualidade era pouco coñecida e que a partir de agora se sabe que representa un papel ecolóxico importante nas augas de Galicia, ademais de ser unha especie de potencial interese económico”. De feito, o investigador apunta que podería ser apta para consumo, xa que as especies deste xénero son moi comúns na alimentación mediterránea. Pero o problema reside no tamaño, esta é causa de que a Sepiola atlántica non sexa un obxectivo principal da pesca “por tratarse dun organismo de talla relativamente pequena, con 5 cm de lonxitude total, que requiriría o uso de redes de pequena apertura de malla”, conclúe Rodrígues.