DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Carlos Lago imparte unha conferencia este sábado 7 de setembro no Pazo da Cultura

Para ser un bo adestrador de fútbol non abonda con ser o mellor xogador do mundo

No marco do X Congreso Internacional sobre a Ensinanza da Educación Física e o Deporte Escolar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 06/09/2013

A experiencia adquirida ao longo dos anos por un xogador de fútbol non é garantía dabondo para asegurar que esa persoa poida converterse na mellor opción para adestrar a un equipo. Logo da súa etapa como futbolista “é obvio que o deportista ten unha ampla bagaxe de vivencias motrices pero, para ensinarlle todas as posibilidades de xogo ao seu novo equipo, esta persoa debe ter necesariamente outras habilidades pedagóxicas relacionadas con procedementos de ensinanza”, salienta o profesor e investigador do grupo HI20 da Universidade de Vigo Carlos Lago. A análise do rendemento en deportes colectivos centra boa parte do seu labor investigador, aínda que tamén tivo un oco para coordinar o equipo de fútbol base do Pontevedra FC na tempada 2009-2010. A necesidade de saber dar feedbacks, adecuar as condicións das prácticas e axudar a reflexionar aos xogadores centrará boa parte do relatorio que o docente universitario impartirá este sábado 7 de setembro no marco do X Congreso Internacional sobre a Ensinanza da Educación Física e o Deporte Escolar que estes días se está a desenvolver no Pazo da Cultura.

Procedementos básicos de ensinanza

Cando é necesario que un xogador dea o mellor de si mesmo “é moi importante que resolva ben a súa tarefa de aprendizaxe ou adestramento”, asegura Carlos Lago. Deste modo, os xogadores, tanto profesionais como afeccionados, danse conta de cal é contido e o obxectivo a traballar “engadíndolle ademais un certo contido emocional xa que a súa autoestima aumenta pola retro-alimentación de ter resolto ben a tarefa proposta”. Deste xeito, tal e como explica o docente “todo exercicio debe estar organizado de tal xeito que garanta que o mozo teña éxito na súa realización, sendo axeitado ao seu nivel de aptitudes e ás súas capacidades”.

Lago destaca que nos adestramentos cómpre subministrarlle ao xogador información adicional durante e ao remate da súa actividade felicitándoo ou simplemente informándoo daquilo que non fixo correctamente. “O feedback permítelle focalizar a atención naquel ou naqueles aspectos que son máis relevantes e contribúen a manter a motivación pola actividade”. No día a día do fútbol, independentemente da categoría, é habitual escoitar durante as sesións de adestramento feedbacks como “veña”, “imos”, “iso é” ou “ben, ben” a pesares de que estas mensaxes “non serven absolutamente para nada”. O profesor incide en que “esta retro-alimentación debe achegar información ao xogador para axudarlle a reforzar un comportamento ou focalizar a atención sobre aquilo se sexa considerado como o máis importante polo seu propio adestrador”. Unhas verbas que conteñen pouca información e que axudan ao deportista a ter éxito.

Pautas e reflexións

No caso de que o adestrador deba realizar algunha crítica ou simplemente facer un chamado de atención sobre algún comportamento, Carlos Lago recomenda seguir a “técnica do sándwich”. Este xeito de interactuar cunha persoa consiste en realizar en primeira instancia un eloxio sincero, “en segundo termo facemos a petición explícita de como se debe realizar a acción ou que comportamento debe mellorar e finamente rematamos cun recoñecemento sobre a actividade do xogador”.

Os adestradores intentan que os xogadores descubran por si mesmos as súas alternativas de actuación e poidan anticiparse ás consecuencias. Entre as estratexias máis habituais dentro deste procedemento de ensinanza destacan as representacións gráficas de colocación ou o movemento dos xogadores e a pelota e a análise e resumo do xeito no que os deportistas estiveron xogando, evidenciando erros e avances e buscando os porqués do que aconteceu.

Como organizar unha sesión

A organización dunha sesión de adestramento é moito máis complexa do que nun principio se pode imaxinar, asegura Lago. Para levar a cabo este labor con éxito cómpre seguir unha serie de orientacións pedagóxicas que facilitarán enormemente o seu deseño. Segundo relata o propio investigador e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o primeiro paso é identificar e describir os criterios de éxito que se deben cumprir en cada sesión. Preparar os feedbacks antes de cada sesión e propoñer unha ou dúas preguntas ao remate da mesma son tamén outras das súas indicacións. Do mesmo xeito, Carlos Lago fala tamén da necesidade de preparar estratexias para construír o clima de interacción durante os adestramentos, optimizar a duración de cada unha das fases e preparar con tino o tránsito entre as tarefas a realizar.