DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes e investigadores déronse cita naI Xornada de Innovación Educativa en Xénero

Para ser catedráticas as mulleres precisan ser 2,5 veces máis produtivas cientificamente que os varóns

O dato recóllese no ‘Libro Blanco sobre la situación de las mujeres en la ciencia española’

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 16/12/2011
Nettie Stevens, Frieda Robscheit-Robbins, Rosalind Franklin, Lise Meitner, Gerti Cori e Ruth Hubbard. Todas estas mulleres escribiron importantes episodios da historia da ciencia pero os seus méritos quedaron sempre relegados por cuestión de xénero. Na actualidade, a pesar de que sociedade ten avanzado moito a prol da igualdade, para ser catedráticas as mulleres precisan ser 2,5 veces máis produtivas cientificamente que os varóns. Este dato recóllese no Libro Blanco sobre la situación de las mujeres en la ciencia española presentado polo Ministerio de Ciencias e Innovación no mes de outubro e foi subliñado pola profesora da Universidade, Mª Álvarez Lires na apertura da I Xornada de de Innovación Educativa en Xénero, organizada pola Unidade de Igualdade en colaboración coa Área de Innovación Educativa.

O obxectivo desta iniciativa é servir como punto de encontro e intercambio de experiencias de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo. O vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, foi o encargado de abrir oficialmente a xornada, destacando a importancia da formación integral do alumnado, “Debemos cambiar a pregunta de 'Que saídas ten unha carreira?' por 'Como saen os estudantes desa carreira?', porque temos responsabilidade de formar cidadáns críticos e con valores, entre outros campos, na igualdade de xénero”.

A innovación oculta

A profesora Álvarez Lires foi a encargada de presentar a Eulalia Pérez Sedeño, investigadora do CSIC, que fora directora da FECYT, que impartiu a conferencia inaugural da xornada. Segundo apuntou no comezo do seu relatorio, o termo innovación, cada vez máis estendido, vai moito máis aló do I+D. “Existe unha innovación non baseada no coñecemento científico, unha innovación da que se fala pouco, unha innovación oculta”. Esta ten unha forte compoñente social e educativa e “incluír nesta contorna a innovación en xénero e o traballo a prol da igualdade é fundamental”, apuntou Pérez Sedeño.

A catedrática fixo un repaso por moitas das grandes científicas e investigadoras da historia que quedaron relegadas a un segundo plano por cuestión de xénero. Os seus avances e descubrimentos foron atribuídos aos seus compañeiros, aos seus maridos, roubados, plaxiados, foron ninguneadas en moitos casos e tiveron que presenciar como outros recollían os premios Nobel que lles correspondían a elas .

Desigualdade xerárquica e por ámbitos no sistema de I+D

Eulalia Pérez Sedeño, experta no eido de muller e ciencia, fixo tamén un percorrido polo presente, pola situación do sistema nacional de ciencia e educación superior. Segundo apunta, a segregación por sexos é clara tanto por eido do coñecemento como por xerarquía. As mulleres son maioría nas universidades, pero sobre todo nas ciencias sociais, xurídicas, humanidades e ciencias da saúde. Seguen dominando os homes en eidos tradicionalmente masculinos como as ciencias e as enxeñarías. A nivel de doutoramento reprodúcese o esquema, pero a medida que se sube na xerarquía, as donas comezan a desaparecer. “Nas teses, entre o profesorado titular e, sobre todo, nas cátedras, as mulleres diminúen, a pesar dos cambios que se veñen operando para traballar pola igualdade”, apunta Eulalia Pérez Sedeño.

Pero a experta avoga por atender tamén aos datos cualitativos, aqueles que desvelan os motivos polos que dá esta situación, polos que as mulleres non avanzan na súa carreira profesional. Entran en xogo aquí a maternidade, as barreiras sociais, os roles tradicionais de xénero e a discriminación... que fan que moitas “teñan poucas ganas de tentar subir”.

A pesar de que a solución comprende múltiples medidas a adoptar e un cambio claro de mentalidade, a ex responsable da FECYT destaca a necesidade de operar cambio no ensino, “de recoñecer os méritos de todas esas mulleres ás que lle foron negados, de ofrecer unha educación que ofreza valores e non só información”. Para Sedeño “a educación científico-tecnolóxica non pode ensinar a vivir a medias, nin só á metade”, porque as mulleres representan o 50% da poboación mundial “e, polo tanto, o 50% da experiencia e non podemos perder todo ese capital humano feminino”, concluíu.