DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago, que non se presentará á reelección, confirma que rematará o seu mandato

“Ser reitor é un reto, un orgullo, ás veces unha circunstancia, pero non unha profesión”

Nunha comparecencia ante os medios o reitor defendeu a actual estrutura xerencial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/11/2009
Tras oito anos na xestión universitaria, primeiro como vicerreitor de Economía e Planificación e posteriormente como reitor, Alberto Gago non volverá a presentarse á reelección nos comicios que se celebrarán en maio de 2010. “Non imparto docencia desde 2004 e non teño actividade investigadora digna dese nome desde 2003, e oito anos é moito tempo para o que bule en investigación e transferencia”, sinalou o reitor nunha comparecencia ante os medios aos que confirmou que cumprirá as obrigas do seu actual cargo ata o final do mandato.
A necesidade dunha estrutura xerencial como a que actualmente ten a Universidade de Vigo e a confirmación de que o debate sobre a implantación dunha nova facultade de Medicina en Galicia non se abrirá nos órganos de goberno da institución ata 2010, foron as outras cuestión que abordou Gago na súa comparecencia na que tamén se congratulou dos resultados reflectidos no ranking SCImago en relación coa Universidade de Vigo que ocupa o posto 15º en produción científica no ámbito nacional.

Retorno á docencia e á investigación

“Ser reitor é un reto, un orgullo, ás veces unha circunstancia, pero non unha profesión”, asegurou Alberto Gago que considera que unha vez finalizado este mandado chegou o momento de retornar á actividade docente e investigadora, algo que caso de adiar por máis tempo podería supor “unha reincorporación máis difícil”.
Sobre o proceso de elección dun novo candidato para Alternativa Universitaria, proceso no que o reitor afirmou que debe ser “o máis neutral e desaparecer do debate electoral”, apuntou que será en decembro ou xaneiro cando se produza a designación.
Gago que eludiu realizar valoracións sobre algúns candidatables, asegurou que o proceso de designación pasa primeiro por consultar criterios e logo elixir, pero que en calquera caso “os candidatos haberá que traballalos”.

Unha estrutura xerencial necesaria

A estrutura e retribucións económicas do equipo de Xerencia foi outro dos asuntos abordados polo reitor nunha rolda de prensa na que o cualificou de “necesario” para dar resposta ás actuais necesidades da Universidade de Vigo. Gago que comezou a súa intervención lembrando o carácter de contratos de alta dirección dos postos que ocupan tanto a xerente como os vicexerentes, asegurou que “as súas retribucións económicas están na media autonómica e española”, movéndose esta última entre os 80 e os 120.000 euros. Ademais, segundo apuntou o reitor, as actuais percepcións económicas da xerente non supoñen un cambio na liña salarial da Universidade de Vigo na última década “habida conta que o anterior xerente cobraba no ano 2005, 80.000 euros”. Soldos, tanto no caso de xerente como de vicexerentes, que o reitor lembrou que están en función da capacidade, currículo e responsabilidade asumida, que Gago cualificou de “enorme”.
En canto ás estruturas dos equipos xerenciais das universidades estas están condicionadas, explicou Gago, pola estrutura dos campus e integradas non só por vicexerentes, senón tamén por cargos directivos que teñen contratos de alta dirección. Así mentres a Universidade de Santiago ten un só vicexerente de campus, Vigo ten dous, aínda que a universidade compostelana ten dous directores de área con contratos de alta dirección a engadir aos vicexerentes. Pola súa banda a Universidade Autónoma de Barcelona, ten, segundo confirmou o reitor, catro vicexerentes para un só campus e tres contratos de alta dirección que perciben 90.000 euros de salario e aos que se lle engade un 10% por obxectivos.
O reitor xustificou a existencia dun equipo de Xerencia das características do actual na Universidade de Vigo para dar resposta ás actuais necesidades dunha institución que precisaba dunha modernización para dar saída a temas como “os avances rexistrados en ciencia e tecnoloxía, o incremento de orzamento rexistrado nos últimos anos no que se pasou de 72 a 186 millóns de euros, a administración electrónica, a reforma telemática ou unha oferta de emprego público”. Obxectivos que Gago asegurou “levaban anos sobre a mesa e só esta última Xerencia asumiu”.

O debate de Medicina adíase a 2010

Non será ata o ano que vén cando os órganos de goberno da Universidade de Vigo realicen un pronunciamento sobre a posta en servizo dunha nova facultade de Medicina en Galicia. E é que, segundo afirmou o reitor, “os ritmos do Sistema Universitario de Galicia (SUG), non son os da sociedade, os dos medios de comunicación ou dos partidos políticos, pero no SUG o debate de Medicina non se abrirá ata 2010”. Neste sentido Gago reiterou que un reitor non se pode pronunciar en relación coas titulacións, ata que o fagan os órganos de goberno da institución, algo que se producirá previsiblemente no primeiro semestre de 2010.
Para antes agarda o reitor da Universidade de Vigo que se peche do desenvolvemento do protocolo asinado en 2008 entre as tres universidades e as consellerías de Educación e Sanidade para descentralizar a docencia clínica. “En primavera quixéramos poder concretar cales serán as atribucións e adscricións dos colaboradores docentes”, sinalou Gago que tamén manifestou o seu desexo que canto antes se solucione o desacordo entre as universidades de Santiago e Coruña en relación coa docencia que se vai impartir este ano.

Recoñecemento da produción científica da Universidade

A confirmación do posto 15º que en produción científica no ámbito universitario nacional ocupa a Universidade de Vigo no SCImago Institutions Rankings (SIR): 2009 World Report, foi outros dos asuntos aos que se referiu o reitor na súa comparecencia de hoxe. O informe mundial que estuda a produción científica de máis de 2000 institucións e organizacións de 84 países, confirma o posto decimoquinto da Universidade de Vigo no conxunto das máis de 70 institucións académicas españolas analizadas. Un posto que se eleva ata o 14º no apartado referido ao impacto internacional da produción científica e que sitúa á Universidade de Vigo á cabeza de Galicia e por diante das universidades de Zaragoza, Complutense, Sevilla ou Navarra.
A situación da Universidade de Vigo no ranking desenvolvido sobre a base de datos Scopus de Elsevier que recompila máis de 16 millóns de publicacións e case 150 millóns de citas, considera Gago que “é un motivo de satisfacción que nos fai que sigamos insistindo no tema dos orzamentos”. O reitor que cifrou nun 5 ou 6 % a redución que sufrirán as universidades galegas nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, confirmou que “intentaremos pelexar” para garantir a continuidade dos programas de investigación que actualmente están en vigor.