DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense presenta o proxecto multidisciplinar 'Campus ConVida'

Serás quen... de adoptar hábitos de vida máis saudables?

O seu obxectivo é crear unha contorna que mellore a calidade de vida da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 12/12/2011

O tabaco, o alcol, unha mala alimentación, a falla de exercicio físico, as dificultades para ter relacións sociais... todos estes e outros factores impiden que as persoas teñan unha vida todo o saudable que sería desexable. Para que os membros da comunidade universitaria melloren a súa calidade de vida e adquiran mellores hábitos respecto a todos eses factores, o campus de Ourense vén de poñer en marcha o proxecto integral Campus ConVida. Coa súa presentación desvelouse tamén a que se refería a pregunta "Serás quen…???" que durante as últimas semanas estivo presente nas entradas dos edificios universitarios.

A iniciativa, que ten as súas raíces en decembro de 2010, foi presentada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus; Angélica Ferro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, e Julia de la Montaña e José María Failde, profesores da Universidade de Vigo membros da comisión técnica que traballa no proxecto.

O Campus ConVida, que conta con financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, representa, segundo os seus promotores, unha firme aposta por contribuír, a través da investigación, a formación e a sensibilización, á creación dunha contorna educativa que reforce condutas e actitudes de vida saudables entre a comunidade universitaria. “O importante é que o proxecto aborda a saúde desde un punto de vista integral e multidisciplinar, con vocación de converter esta institución nun referente de compromiso coa mellora da saúde e a calidade de vida”, salientou María Lameiras durante a presentación de Campus ConVida.

Investigación inicial e primeiro concurso

Antes de iniciar as actividades do proxecto, “realizouse unha avaliación inicial da situación entre a comunidade universitaria a través dunha enquisa a 350 estudantes na que se indagou sobre os seus hábitos respecto ao alcol, o tabaco, a alimentación, a conduta viaria, a satisfacción académica, a actividade física e a conduta sexual”, salientou Angélica Ferro durante a presentación. Dos resultados extraídos, os organizadores apuntan a necesidade de mellorar en case todos os aspectos, como reducir o consumo de alcol e de tabaco, fomentar a práctica do deporte e mellorar as relacións sociais dos estudantes.

Unha vez avaliada a situación de partida, iníciase agora a fase de intervención a través de actividades xerais e específicas. No deseño destas actividades, os promotores da iniciativa quere ter en conta a propia opinión dos beneficiarios polo que veñen de convocar un Concurso de Iniciativas Saudables, unha convocatoria que segundo explicou Rodrigo Pivida está aberta á participación de toda a comunidade universitaria que queira ofrecer ideas e propostas en materia de saúde e relacionadas co campus de Ourense. Alén deste concurso, Campus ConVida comezará tamén a integrarse de xeito transversal e como un selo de calidade nas iniciativas que se celebren no campus ourensán e que cumpran co obxectivo de promocionar o coidado da saúde nas súas diferentes vertentes.