DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos días para visitar a mostra “Performance en 6+2 tempos” na Sala X

Sergi Fäustino poñerá a proba a imaxinación do público no peche do "Interzonas"

Ademais no programa cultural da semana, o director e guionista Ókar Tejedor revisa o sector da moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 10/05/2010

Chega ao seu remate a programación da sección Interzonas, un oco da actividade cultural da Casa das Campás para as novas linguaxes escénicas, cunha clara vontade de xogo e comunicación co público, que busca tamén reinventar o edificio e darlle usos inesperados con espectáculos de formatos pouco habituais. Desta volta será o catalán Sergi Fäustino, habitual da compañía La Fura dels Baus, quen poñerá a proba a imaxinación dos espectadores coa súa obra Duques de Bergara Unpplugged. Será o vindeiro venres día 14 ás 21.00 horas.
Estreada en 2008 e coproducida polo Teatro Lliure e M.O.M.-El Vivero, esta peza nace das conversas mantidas polo director cos dous intérpretes, Mónica Muntaner e David Espinosa, no vestíbulo dun hotel. Esas xuntanzas de traballo servíronlle finalmente a Fäustino para trazar a estrutura do propio espectáculo. Deste xeito, os dous actores van relatando a historia sobre o escenario como nunha conversa de café, de xeito fragmentado, con apenas un fío condutor, deixando lagoas para que cada persoa do público constrúa a súa propia versión. Non hai escenografía nin vestiario, polo que a representación do espazo, cos seus mobles, mesas e paredes, e a caracterización das personaxes se fai mediante as descricións dos dous intérpretes e materialízase dentro da cabeza de cada espectador. Trátase dunha posta en escena sinxela e innovadora, que mantén activo ao público con múltiples estímulos e moito sentido do humor.

A visión da moda dun director de cinema e documental

O ciclo Os Xoves de Moda organizado por Esdemga suma á programación cultural desta semana na Casa das Campás a intervención do director e guionista de cinema e documental Óskar Tejedor. Colaborador habitual de empresas de produción audiovisual nacionais e internacionais, achegará a súa visión do sector téxtil e da moda tras a súa experiencia de rodaxe máis recente, Balenciaga, permanecer en lo efímero, sobre a vida e a obra do considerado o creador da arte da alta costura. Así mesmo, Ókar Tejedor traballou durante catro anos como director de produción da empresa Dibulitoon Studio, producindo longametraxes e series de animación.

Última semana para visitar Performance en 6+2 tempos

Entre as propostas culturais do campus para esta semana, cómpre destacar tamén que ata o venres restan os últimos días para visitar a exposición Performance en 6+2 tempos na Sala X. Aberta desde hai un mes, esta mostra encádrase nunha das liñas habituais de traballo deste espazo, que inclúe na programación propostas de artistas-profesores doutras facultades de Belas Artes. Nesta ocasión é o albaceteño Elías Pérez, docente da Universidade Politécnica de Valencia, quen presenta tres das súas últimas pezas. Performance en seis tempos. Acción básica 1 a 6, Un e cen retratos sobre fondo branco e Un e cen retratos sobre fondo negro son os títulos deses traballos, que trazan unha ollada á xestualidade mínima e aos recullos do corpo a través da arte dixital. Son unha serie fotográfica e dous vídeos que o propio artista define como “un xogo co corpo, a performance, a propia historia da arte, a fotorgrafía, a realidade e a construción dixital”.