DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de preinscrición manterase aberto ata o luns 25 de setembro

A serie ‘Black Mirror’ abrirá os debates sobre hipertecnoloxización do curso ‘Ethics and Technology’

A iniciativa está dirixida a estudantes da EET, a profesionais do INEO e ao público en xeral

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 22/09/2017

“Podería un personaxe dixital gañar unhas eleccións a través da televisión e das redes sociais? Como sería a nosa vida se gravaramos tódalas nosas actividades e puidéramos rebobinalas? Onde estaría o límite do uso das tecnoloxías para decidir manter ou finalizar unha relación?”, segundo Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (EET), estas e outras preguntas serán os eixos temáticos dos debates sobre as consecuencias éticas da hipertecnoloxización que terán lugar no curso Ethics and Technology, coordinado polo propio Cuiñas e Lucía Gregorio, directora xeral do INEO. Todas as persoas sensibilizadas coa sociedade e capacitadas para reflexionar sobre as repercusións dos avances sociais nos individuos e que posúan unha alta competencia oral en inglés poden preinscribirse nesta actividade formativa ata o 25 setembro.

A visualización de fragmentos en versión orixinal da serie británica Black Mirror será o punto de partida dos debates, xa que, para o coordinador, o serial presenta un mundo distópico no que o uso compulsivo das tecnoloxías provocou que o colectivo destruíse á persoa individual mediante numerosas intrusións na intimidade que se admitiron como normais ou necesarias. A partir destas situacións búscase que as e os asistentes “reflexionen sobre como están a mudar a nosa sociedade e o noso modo de vida e sobre as consecuencias que estes cambios poden ter para o futuro”, sinala Cuiñas.

Esta proposta resulta unha gran novidade nun ámbito como o tecnolóxico no que nunca se afondou o suficiente sobre as consecuencias sociais dos seus avances e innovacións. Por isto, a dirección do curso pretende, sobre todo, “fomentar a reflexión e a discusión sobre os aspectos éticos da tecnoloxía á vez que se mellora a competencia oral en inglés nun foro que xunte profesionais de empresas da contorna de Vigo co alumnado universitario” , tal e como explica Cuiñas.

A capacidade de reflexión como requisito

A iniciativa non consiste na creación dun foro sobre tecnoloxía, polo que as persoas interesadas non teñen que estar formadas nese ámbito, senón que “ deberán ter capacidade crítica e estar sensibilizadas coa sociedade e o individuo, xa que o obxectivo do curso é recapacitar sobre o futuro que vemos e o futuro cara o que queremos”, apunta Íñigo Cuiñas. Polo tanto, poderá matricularse no curso tanto o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e as persoas traballadoras de empresas asociadas a INEO, como o público en xeral. Os únicos requisitos académicos esixidos son o título de bacharelato e un alto nivel de inglés falado.

Horario, preinscrición e matrícula

As sesións do curso terán lugar todos os venres lectivos entre o 27 de outubro e o 15 de decembro entre as 15.30 h e as 18.00 h. A matrícula, dispoñible en liña a partir do día 1 de outubro tras ter formalizada a preinscrición, ten un custo de 50 euros coa posibilidade de obtención dunha bolsa que cubra estes gastos. As 20 prazas dispoñibles adxudicaranse por orde de inscrición; delas garántese que, 8 estarán destinadas ao alumnado, outras 8, aos asociados á INEO e as 4 restantes quedarán á disposición do público.