DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa Fontes estudou na súa tese a percepción social do TEA a través desta produción televisiva

A serie ‘The Good Doctor’ contribúe á sensibilización sobre o autismo, mais tamén pode levar a “ideas erróneas”

A súa representación deste trastorno é de “alta calidade”, mais non reflicte a súa diversidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/07/2023

Estreada en 2017, a serie estadounidense The Good Doctor presenta un retrato do trastorno do espectro autista (TEA) de “alta calidade”, pero con limitacións no referido á “diversidade e complexidade do espectro, o que pode influír negativamente na percepción” do autismo. Esta é unha das ideas que se extrae da investigación que Rosa Fontes desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que, partindo dunha serie que ten como protagonista a un cirurxián con autismo, buscou analizar a percepción do TEA na sociedade. A principal conclusión da súa investigación é que The Good Doctor contribuíu “á adquisición de coñecementos e á sensibilización” da cidadanía respecto deste trastorno, mais tamén transmite, explica, “algunhas ideas erróneas e pouco realistas sobre as persoas con autismo”.

“A realidade presentada nesta serie non é, en absoluto, a da maioría das persoas con autismo, senón todo o contrario, a dunha ínfima minoría”, resalta esta investigadora, que desenvolveu a súa tese Das teorias à televisão: o impacto das séries televisivas na perceção social do autismo em Portugal, baixo a dirección da catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino. Profesora de secundaria desde hai preto de dúas décadas, labor que combinou co seu traballo no ensino superior e como revisora de artigos científicos, Fontes puido comprobar que a serie creada por David Shore e Daniel Dae Kim reflicte “un retrato do autismo de alta calidade en canto a criterios diagnósticos”, xa que “están correcta e adecuadamente representados” todos os que recolle o manual de diagnose DSM-5. Non obstante, trátase dunha serie na que a representación que se fai do personaxe principal pode levar a transmitir á idea “de que o normal no autismo é ser un xenio con algunhas dificultades de socialización”, en lugar de mostrar que “a realidade dunha persoa con autismo é extremadamente complexa”.

Retratos que poden sensibilizar, pero tamén “transmitir información errónea”

Co propósito de estudar a percepción social deste trastorno, Fontes realizou unha serie de enquisas a familiares de persoas con TEA e a cidadáns de España e Portugal. Ao mesmo tempo, a investigadora levou a cabo unha análise documental de como os expertos e expertas valoraban os “retratos do autismo”. Esta permitiulle constatar unha falta de consenso, xa que se ben expertos neste trastorno recoñecen que estas representacións poden “aumentar o coñecemento sobre o autismo e sensibilizar á poboación”, tamén existen voces que advirten “dos riscos de transmitir información errónea”, contribuíndo a crear “unha percepción errónea e artificial do autismo”. 

Neste punto, Fontes pon de relevo que “ningún retrato do autismo pode ser nunca representativo do espectro”, debido a que este é “demasiado amplo, complexo e variable”. En primeiro lugar, lembra, cómpre ter en conta que o TEA divídese no DSM-5 en “tres niveis de severidade”, sendo o nivel 1, o máis leve, no que se encadraría o protagonista da serie. Tamén é preciso ter en conta, engade, que dentro do TEA existen tanto persoas que falan como outras que non o fan, así como que “moitas veces” pode atoparse a coexistencia deste trastorno con outros como hiperactividade ou TOC, o que fai que varíe tamén “o nivel de complexidade e severidade”. Ademais, “outra cuestión moi relevante na maioría dos retratos en series televisivas é a abordaxe do síndrome de Savant", pola que persoas como as autistas poden desenvolver “unha habilidade extraordinaria nunha área específica”. Ese sería o caso do protagonista de serie, mais esta síndrome “non está presente na maioría dos individuos con autismo, apenas nunha pequenísima porcentaxe”, subliña Fontes, o que fai que personaxes como esta transmitan “a idea errada de que o normal no autismo é ser un xenio con algunhas dificultade de socialización, facilmente superables”, provocando á súa vez “expectativas” que as persoas con TEA “non poden cumprir”. 

A investigación abrangueu tamén a análise de entrevistas e outra serie de contidos documentais que permitisen coñecer a visión dos creadores da serie. Estes, explica, “presentaron obxectivos e mensaxes concretas e ben definidas, centradas na inclusión social e a calidade do retrato presentado”, preocupándose por incluír no equipo unha profesional especializada, “para garantir a veracidade da representación do autismo”. De aí que as conclusións desta tese incidan na “calidade” do retrato que fai da enfermidade, pero tamén en que só se reflicte unha realidade moi concreta. Non obstante, a pesar das limitacións deste retrato do TEA, a autora desta tese pon de relevo que para “promover un cambio efectivo nas mentalidades comportamentos sociais, é fundamental crear ferramentas educativas e informativas que poidan chegar efectivamente á poboación” e as producións audiovisuais “poden ser unha desas ferramentas”. De aí que, pese a que poden contribuír ao fomento dos “estereotipos asociados ao TEA”, tamén poden xerar “grandes beneficios en termos de concienciación e coñecemento”, destaca. 

Como se percibe a serie

Aínda que diversos estudos puxeron o foco nos “retratos do autismo”, son “practicamente inexistentes”, recoñece Fontes, aqueles que analizan como estes son percibidos pola sociedade, principal obxectivo da súa investigación, que abrangueu a realización de cuestionarios a 20 pais e nais de persoas con TEA e a 200 cidadáns e cidadás portugueses e españois. 

Este estudo permitiu corroborar que The Good Doctor xerara aspectos positivos nos espectadores, como a “adquisición de coñecementos” e a súa sensibilización respecto deste trastorno, pero tamén de “percepcións erróneas” respecto do TEA. Estes aspectos reflectíanse tamén no estudo realizado cos proxenitores, que en xeral puñan en valor a existencia de series como esta por permitir que a sociedade “poida concienciarse, sensibilizarse e aprender máis acerca do autismo”, pero que tamén transmitían “preocupación pola mensaxe transmitida pola serie”. Nese senso, pese a que máis do 60% vían representados os seus fillos e fillas nesta produción, máis do 40% das nais e pais afirmaron que se trata dunha serie “irrealista, que non representa o espectro” e o 27% incidiron na necesidade de ter coidado coa mensaxe trasladada. Ao mesmo tempo, o 23% sinalaron tamén que a serie podería servir para o aumento de diagnósticos precoces e un 20% destacaron que axuda a quebrar prexuízos respecto do TEA.