DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Sepcom prepara un recurso educativo aberto, que estará accesible no portal Procomún

Unha serie de vídeos formarán o alumnado de secundaria na “loita contra a desinformación”

Emulando o formato da retransmisión dunha ‘streamer’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 05/07/2023

A través dunha serie de vídeos breves, unha streamer, interpretada por Carlota Mosquera, informa ao alumnado de secundaria sobre o fenómeno da desinformación e os seus efectos, amósalle que tipo de contidos se engloban nesta problemática e achégalles ferramentas que lles permitan verificar a información que reciben. Estas ideas articulan a serie de oito vídeos que o grupo de investigación Sepcom, da Facultade de Comunicación, prepara como parte dun recurso aberto de aprendizaxe dirixido a formar a mocidade “na loita contra a desinformación”, como sinala o investigador Alberto Dafonte. Tras a súa rodaxe nas últimas semanas, estas pezas inseriranse nunha serie de unidades didácticas dirixidas a que o profesorado de secundaria poida traballar estes contidos nas aulas, que estarán a súa disposición no repositorio Procomún, do Instituto Nacional de Tecnologías Educativas de Formación del Profesorado (Intef).

Esta iniciativa insírese nas actividades do proxecto de investigación Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que tiña entre os seus obxectivos o desenvolvemento de recursos para a alfabetización mediática da cidadanía. Cos investigadores principais do proxecto, Dafonte e Mabel Míguez, como responsables da supervisión dos guións e dos contidos das pezas, e o tamén integrante do grupo Sepcom Oswaldo García como encargado da produción e realización, esta serie de vídeos buscaban combinar un “discurso próximo e atractivo” para o alumnado de secundaria cuns contidos “consistentes desde o punto de vista científico”. 

De aí que, como explica García, optasen por trasladar esta mensaxe a través “dun formato recoñecible” para este público, como sería a retransmisión dun ou dunha streamer, valéndose do tipo de planos, dos recursos audiovisuais e visuais e do ritmo que caracteriza este tipo de contidos. Coa participación de David Hernández, de Adarme Visual, como director de fotografía; Iria Pinheiro, como directora de arte; e Marcos Mosquera, como responsable dos motion graphics, animación dixitais que “complementan o discurso e aclaran conceptos”, así como de Carlota Mosquera, buscábase xerar un contido que fose á vez “atractivo e crible” e que ofrecese “unha visión máis accesible” sobre o que representa a problemática da desinformación.

Un perfil de poboación exposto aos riscos da desinformación

Ainda que, como sinala Dafonte, “traballar sobre pensamento crítico é interesante a calquera idade”, estes vídeos e o recurso educativo no que se insiren oriéntanse a unha franxa de idade na que combínase “un certo inicio da madurez co auxe do consumo de redes sociais”. Isto, lembra Dafonte, fai que sexa “máis fácil que estean expostos a contidos nesgados ou parcialmente falsos”, tendo en conta ademais os seus “patróns de consumo de noticias”, baseados no uso destas redes. 

Co obxectivo de contribuír á súa alfabetización mediática, estes vídeos buscan pór o foco en “por que é importante” coñecer a incidencia e os efectos da desinformación, así como amosarlles as diferentes tipoloxías de contidos que se engloban nesta problemática. “É moi importante deixarlles claro que a desinformación non é só mentir”, sinala Dafonte, que incide  que alén das fake news, contidos con aparencia de noticia pero que non o son, existen “outras moitas maneiras de intentar manipular e de enganar”. Nese senso, as pezas tratan tamén outras tipoloxías de desinformación, desde o “contido inventado”, ao chamado “contido impostor”, a suplantación da identidade dunha persoa ou institución nas redes, pasando por aqueles que implican contar "só unha parte da realidade” co obxectivo de xerar confusión. Do mesmo xeito, esta proposta busca amosar aos mozos e mozas que facer “se lles chegan contidos dos que sospeiten”, e mostrarlles que “recursos tecnolóxicos básicos” teñen a súa disposición para verificar esa información. 

Un recurso educativo aberto

Aínda que estes vídeos poidan usarse de xeito independente e se difundan a través da rede, trátase duns materiais dirixidos a completar un recurso aberto de aprendizaxe, que estará dispoñible no repositorio Procomún. Dirixido a que o profesorado de secundaria dispoña de ferramentas para traballar esta problemática nas aulas, este recurso englobará unidades didácticas sobre as temáticas que centran os vídeos, “unha guía docente e unha proposta de tarefas que poden realizar os estudantes”, explica Dafonte, así como o acceso a outra serie de recursos e documentos de referencia que permitan profundar en diferentes aspectos.