DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes, 20 de maio, na Casa das Campás

“Serpentine Gallery Program” de Alexander Kluge pechará o monográfico dedicado ao realizador alemán

A proxección é unha recompilación dos mellores documentais que o autor fixo para a televisión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 19/05/2008

Tras afondar nos principais conceptos que o realizador xermano Alexander Kluge aportou ao Novo Cinema Alemán, o ciclo de cine A ollada moderna despedirase coa proxección de Serpentine Gallery Program, unha selección dos mellores traballos que o autor fixo para televisión. Baixo a dirección de Suso Novás e organizado pola Vicerreitoría do campus, a retrospectiva da filmografía deste mestre da pantalla grande, péchase coa intención de que “os asistentes podidan participar na análise dunha pequena parte da ampla obra de Kluge, os famosos documentais para o medio televisivo que centraron as súas últimas etapas”, comentou Novás, encargado da actividade.
Na demostración máis perfecta das teorías do realizador alemán, os filmes que se proxectarán na Casa das Campás, resístense ao tradicional cine narrativo e presentan, en cambio, diversas perspectivas, actitudes e opinións para reflectir o tema central de traballo de Kluge, a formación dunha nova conciencia social.

Unha pequena homenaxe á obra de Alexander Kluge

O ciclo A ollada moderna, que desde a Vicerreitoría do campus se organizou como unha pequena homenaxe á obra de Alexander Kluge, percorreu ao longo de oito sesións, baixo a dirección de Suso Novás, os principais traballos do que é considerado un dos creadores do Novo Cinema Alemán. Desde o seu debut ata hoxe, a obra de Kluge reflicte un autor de sólida formación académica, legal e política, demostrando un alto grao de compromiso co tempo no que vive así como unha gran creatividade e experimentación ao longo da súa dilatada traxectoria, características que se amosan perfectamente en todas as obras analizadas ao longo do ciclo na Casa das Campás.