DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 17 de outubro

O Servizo de Deportes abre a inscrición para as Ligas Universitarias 2008-2009

Paralelamente tamén está aberta a convocatoria para bolsas de arbitraxe

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/10/2008

Co comezo do novo curso volve a actividade deportiva cotiá aos campus da Universidade. O vindeiro 3 de novembro comezarán as competicións internas coas ligas universitarias para as que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de outubro. Os membros da comunidade universitaria poderán elixir entre seis deportes que se disputarán tanto en modalidade masculina como feminina. A inscrición é gratuíta nas ligas de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby 7 e voleibol pero no caso de non completarse un número razoable de equipos, a competición pasaría a ser mixta.
Na pasada edición das ligas 2007-2008 participaron un total de 237 equipos, 157 no campus de Vigo, 50 en Ourense e 30 en Pontevedra, sendo o deporte con máis adeptos o fútbol sala, que contou con 108 equipos inscritos.
Ata mediados do segundo cuadrimestre a competición estruturarase en dúas fases, a propia de cada campus e, posteriormente, os gañadores participaran nas competicións intercampus. Os gañadores en cada modalidade nesta fase serán os encargados de representar á Universidade de Vigo nos Campionatos Galegos Universitarios de deportes colectivos. No caso de gañar esta competición, os representantes da Universidade clasificaríanse para as fases interzonais ou os campionatos de España.

Bolsa de xogadores

Despois do éxito do pasado ano, as ligas universitarias terán á súa disposición unha bolsa de xogadores grazas á cal no pasado curso participaron nestas competicións arredor de 50 estudantes estranxeiros. Esta iniciativa ten como finalidade facilitarlle ás persoas que non teñen equipo a incorporación a grupos xa formados, sobre todo pensando en estudantes de intercambio e alumnos de novo ingreso que carecen de contactos para formar parte dun conxunto. Do mesmo xeito, dáselle facilidades a aqueles equipos que teñen dificultades á hora de incorporar un número determinado de deportistas.

Inscrición

A inscrición dos equipos para participar nas ligas universitarias debe formalizarse antes do 17 de outubro exclusivamente mediante o impreso electrónico accesible dende a web do Servizo de Deportes. No que se refire á bolsa de xogadores, a alta debe realizarse de xeito individual e achegándose ao Servizo de Deportes, quen facilitará os datos aos representantes dos equipos interesados en incorporar novos xogadores na modalidade deportiva na que os interesados se anotasen.

Bolsas de arbitraxe

Por outra banda, co comezo das ligas tamén se abre a convocatoria de bolsas de arbitraxe para o campus de Vigo. En total ofrécense 43 para ligas e torneos universitarios para o curso 2008-2009 e as solicitudes poderán entregarse no Servizo de Deportes antes do 10 de outubro. As modalidades que arbitrarían os bolseiros serían fútbol 7, fútbol sala e baloncesto na cancha ou na mesa así como coordinador de árbitros, coordinador de competición e coordinador de tenis de mesa. Os seleccionados recibirán entre 350 e 625 euros e deberán estar matriculados no cursos actual en calquera escola ou facultade ou ben no Terceiro Ciclo e non simultanear esta bolsa con calquera outra convocada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. O período de colaboración abranguerá do 28 deste mes ata o 12 de decembro e do 8 de xaneiro ao 29 de maio.

Toda a información está dispoñible na web do Servizo de Deportes.