DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para os campus de Pontevedra e Vigo

O Servizo de Deportes abre o prazo de inscrición nas Ligas Universitarias 2007-08

Coa novidade da Bolsa de Xogadores para os que non teñen equipo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 28/09/2007

O Servizo de Deportes abre o prazo de inscrición nas Ligas Universitarias 2007/08 para os campus de Pontevedra e Vigo. Tanto en categoría feminina como masculina, os campionatos comprenderan as modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby 7 e voleibol.
Como gran novidade neste curso estréase a Bolsa de Xogadores, para que os deportistas poidan inscribirse de xeito individual. Con esta iniciativa preténdese que os membros da comunidade universitaria que non teñan equipo poidan pasar a formar parte dun inscritos que precisen máis membros. O Servizo de Deportes facilitará os seus datos aos delegados de equipo que estean interesados en incorporar novos xogadores.
Esta iniciativa está pensada principalmente para novos estudantes e estranxeiros que non dispoñan de coñecemento da Universidade para poder conformar un equipo. Do mesmo xeito, os grupos con dificultades para conseguir deportistas poderán así incorporar novos xogadores.

Prazo de inscrición

A inscrición nas ligas é totalmente gratuíta e realizarase única e exclusivamente a través do formulario dispoñible na páxina web de Deportes ata o 18 de outubro.
Ao día seguinte publicarase o listado de equipos admitidos para participar nas Ligas Universitarias.
No que se refire ás Bolsas de Xogadores, todas as persoas pertencentes á comunidade universitaria que estean interesadas en anotarse nestas listas deberán achegarse ao Servizo de Deportes en calquera dos tres campus, e simplemente facilitar os seus datos.